• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Uns 17.000 usuarios do transporte urbano estanse a beneficiar, cada día, da rebaixa do 30% en abonos multiviaxe posta en marcha polo Goberno central

Data de escritura

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, verificaron esta mañá en Compostela a aplicación do desconto do 30% no prezo do autobús urbano que entrou en vigor este mes grazas ás axudas activadas polo Ministerio de Transportes para paliar a inflación e os efectos da crise enerxética. O rexedor amosou a súa satisfacción polo repunte no uso do transporte público, que xa se sitúa en niveles anteriores á pandemia. No acto tamén estaba presente o concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños.

Gonzalo Muiñoz, Alcalde e José Miñones

Segundo as cifras aportadas por Sánchez Bugallo, "os datos de xuño e xullo do ano pasado indicaban que estabamos a un nivel de recuperación do 80%, con aproximadamente entre 21.000 e 22.000 ususarios de transporte urbano" diarios. Os últimos datos, deste mes de setembro, reflicten un número de pasaxeiros de entre 25.000 e 26.000, "un 95-97% do que era habitual en 2019", antes da pandemia. En canto a usuarios e usuarias de tarxetas de viaxe, xa se superaron as cifras anteriores á crise sanitaria da covid-19. "Agora mesmo a demanda é superior á mesma época de 2019, especialmente nalgunhas destas categorías" que se están a bonificar. Sobre o uso do transporte urbano nos fines de semana, "estamos en máis do 102%", indicou.

José Miñones concretou que "uns 17.000 viaxeiros cada día (os que utilizan tarxetas multiviaxe) estanse a beneficiar en Compostela desta rebaixa posta en marcha polo Ministerio de Transportes". "Traballadores, estudantes, familias. Son xa miles de cidadáns os que se están a beneficiar en Santiago dun importante aforro na súa vida cotiá coa rebaixa do 30% de cada viaxe de bus urbano, que se suma á gratuidade dos abonos de tren e á rebaixa do prezo do autobús interurbano", sinalou o delegado do Goberno.

Para os usuarios da tarxeta mensual, que permite realizar viaxes ilimitadas, o aforro supera os 31 euros de setembro a decembro. No caso dos bonos multiviaxe ordinarios o prezo do traxecto baixa de 0,60 euros a tan só 42 céntimos. E os escolares pasan a pagar soamente 28 céntimos de euro. "A transcendencia destas medidas é enorme para as economías familiares. Estamos coas familias, xunto aos traballadores e traballadoras, co conxunto da cidadanía, para enfrontar xuntos os efectos da subida de prezos", manifestou José Miñones.

O delegado engadiu que a rebaixa do prezo do autobús contribúe a mellorar a mobilidade ao reforzar o uso do transporte público. "En consecuencia, reducimos a dependencia enerxética nas nosas comunicacións", apuntou, e a animou a cidadanía de Galicia a utilizar os medios de transporte colectivos. Segundo recordou o alcalde, o bono ordinario, de 60 céntimos, queda en 42, o bono escolar de 40 céntimos baixa a 28, e o bono mensual de 26 euros pasa a 18,2 euros.

Para desfrutar da bonificación non é preciso facer ningún trámite, máis que a recarga do bono. As persoas beneficiarias non poderán dispor de máis de 100 viaxes na tarxeta de bonificación. Por tanto, se unha tarxeta ten saldo pendente, por exemplo, de 95 viaxes, non lle permitirá realizar unha nova recarga ata que lle queden 90 viaxes, momento no que poderá facer unha recarga de 10.

Nos bonos obxeto desta subvención pódense empregar as tarxetas bono actuais, polo que non é preciso adquirir unha nova tarxeta se xa se conta cunha dos tipos mencionados (ordinario, escolar ou mensual).

"O paquete de medidas do Goberno para abaratar o transporte e protexer a cidadanía está chegando xa ás cidades galegas", celebrou o delegado, e felicitou a Xosé Sánchez Bugallo, por aproveitar esta oportunidade para beneficiar a súa veciñanza, ao mesmo que Vigo e A Coruña. José Miñones animou o resto de cidades galegas a que se sumen a estas tres para abaratar o seu transporte público, aproveitando o novo prazo de solicitude aberto polo Goberno ata o día 22 deste mes.