• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Concello de Santiago continuará coas actuais medidas de reducción de consumo, ao non adoptarse modificación algunha na reunión con Augas de Galicia

Data de escritura

As medidas sobre o consumo de auga adoptadas polo Concello de Santiago o pasado 1 de agosto, antes de que a Xunta de Galicia decretase o estado de prealerta por seca, continuarán aplicándose. Esta mañá tivo lugar unha reunión telemática entre representantes dos concellos da conca do Tambre e Augas de Galicia, que de momento, non modificou as citadas medidas.

De esquerda a dereita Ana Tejeiro, Mila Castro e Mercedes Rosón xusto antes de comezar a reunión

A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, indicou que a convocatoria para a reunión chegou o luns, despois de que venres pasado Augas de Galicia decretase a situación de prealerta por seca "na unidade territorial correspondente ao río Tambre". A xuntaza, sinalou, tivo dúas partes. Na primeira, o organismo autonómico explicou como estaba a situación hidrolóxica do Tambre; e na segunda, a vintena de concellos presentes informaron dos problemas que estaban atopando no subministro e na captación, e daban conta das medidas adoptadas.

No Concello de Santiago, tal e como subliñou Mila Castro onte en rolda de prensa, estanse adoptando medidas de diminución de consumo desde o pasado 1 de agosto, "a nivel de administración local, como reducción de regos nas zonas verdes e de baldeos". Tamén anunciou que se intensificará a campaña de sensibilización que puxo en marcha o concello, "facéndoa chegar a todas as veciñas e veciños a través da base de datos da concesionaria".

Ademais de Mila Castro, na reunión con augas de Galicia estaban presentes a alcaldesa en funcións, Mercedes Rosón; e a xerente de Viaqua, Ana Tejeiro.