SUBVENCIONS PARA A PARTICIPACION EN ACTIVIDADES DO SECTOR DO LIBRO
Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Orde do 9 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras nas actividades que se celebren no sector do libro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT221A).
Establecer as bases reguladoras que establecen o procedemento de concesión de subvencións a persoas físicas escritoras, ilustradoras e tradutoras que desenvolvan o seu traballo no sector do libro e no ámbito da Comunidade Autónoma galega e facilitar a súa participación en actividades de tal sector que se celebren no ano 2022.
Serán obxecto de subvención os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte, que permitan a asistencia fóra de Galicia ás seguintes actividades realizadas no sector do libro: feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas.
Coa solicitude deberase achegar copia da seguinte documentación:
a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados
b) Xustificante da inscrición na actividade obxecto da subvención.
Documentación acreditativa de que cumpre os requisitos establecidos no artigo 3 desta orde para poder ser persoa beneficiaria:
a) Que desenvolva o seu traballo no sector do libro como persoa escritora, ilustradora ou tradutora, achegando a seguinte documentación:
– Copia do último recibo do imposto de actividades económicas, certificado de exención, no caso de proceder, ou declaración responsable de tal exención.
– Copia da alta en autónomos, de ser o caso.
b) Ter publicada obra en Galicia e no sector para a que se solicita a subvención, nos tres anos anteriores á publicación da presente orde.
– Documentación en que conste o ISBN e o depósito legal dos títulos publicados nos tres anos anteriores á data de publicación desta orde. No caso de non ser posible achegar a dita documentación, terase que presentar un exemplar completo da obra publicada en soporte papel.
Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas físicas, sexan autónomas ou non, escritoras, ilustradoras e tradutoras que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega.
a) Terse inscrito, asistido e participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro e fóra de Galicia, no prazo establecido na presente convocatoria.
b) Que acrediten o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega.
c) Ter publicado obra en Galicia como persoa escritora, ilustradora ou tradutora, para a que se solicita a subvención, nos tres anos anteriores á publicación da presente orde.
Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se encontren nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.