AXUDAS Á VALORIZACION E Á SEGUNDA TRANSFORMACION DAS PEMES DA INDUSTRIA FORESATAL GALEGA E DO CONTRACT
Axencia Galega da Industria Forestal
Resolución do 23 de xuño de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).
Proxectos de investimento realizados polas persoas beneficiarias nos seus procesos de produción vinculados á transformación da madeira e os seus derivados, resina, cortiza, así como doutros produtos de orixe forestal, exceptuando os alimentarios, e que teñan como obxectivo aumentar a súa produtividade ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental.
Considéranse subvencionables os seguintes investimentos:
a) Compra de maquinaria nova vinculada aos procesos de transformación de produtos de orixe forestal non alimentarios, así como para os procesos de secado e doutros tratamentos e acabamentos da madeira.
b) Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.
c) Outros bens de equipamento novos que formen parte do activo da empresa e interveñan no proceso produtivo obxecto do proxecto.
d) Implantación e certificación da cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental, e implantación de plans de mellora da xestión empresarial.
e) Servizos, bens, equipamentos, tecnoloxías e obras de acondicionamento necesarios para a obtención de certificados ou selos de calidade e ambientais, marcas de garantía rexistradas, marcas colectivas rexistradas ou implantación da marcación CE de produtos de orixe forestal e condicionados á súa obtención dentro do prazo de xustificación da axuda.
f) Ensaios de caracterización de produto realizados conforme a normativa oficial por un laboratorio acreditado para a realización do ensaio
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Anexo II: comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, no caso de muller xerente ou directiva.
b) Anexo IV: memoria do proxecto que se vai realizar e das características da empresa para as cales solicita baremación. Neste sentido, só serán consideradas aquelas características debidamente consignadas no anexo.
c) Memoria asinada pola persoa solicitante ou representante onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo IV desta resolución. Na memoria indicarase obrigatoriamente a distribución por anualidades proposta polo solicitante.
d) Documentación xustificativa de acreditación da representación da empresa, no caso de que a solicitude non estea asinada por representante legal.
e) Documentación acreditativa dos requisitos previos.
f) Documentación relativa aos investimentos obxecto de baremación.
g) Documentación acreditativa das características da empresa obxecto de baremación.
Para que unha solicitude sexa válida, debe achegarse a seguinte documentación mínima:
a) Solicitude de axuda (anexo I), debidamente cuberta.
b) Anexo IV, Memoria dos investimentos que se van realizar, debidamente cuberta.
c) Contratos, orzamentos ou facturas pro forma (segundo sexa o caso) dos investimentos previstos de tres provedores distintos, segundo o disposto no punto 1.f).1º deste artigo.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Poderán ser persoas beneficiarias as pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos.
As persoas solicitantes da axuda, para acadaren a condición de beneficiarias, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:
1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do seu importe, ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento. 2º. Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida na conta por importe do investimento.
3º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado na data de publicación da convocatoria –modelo 390 ou modelo 303– do último mes do ano, segundo proceda).
b) Deberán ter vixente, na data de publicación da convocatoria, un seguro de responsabilidade civil para as actividades propias da industria forestal e do contract e, no suposto de ser exixible, un contrato de prevención de riscos laborais.
c) Deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, ou ben, deberán estar dadas de alta nalgún código da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) ou dispor de calquera outro medio válido en dereito que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data de publicación da convocatoria.
Así mesmo, as persoas solicitantes con persoal contratado por conta allea en número igual ou superior a tres persoas traballadoras deberán ter, na data de publicación da convocatoria, polo menos o 40 % do cadro de persoal da empresa con contratos por conta allea e tempo indefinido. Para as empresas de nova creación, entendendo como tales as creadas dentro dos dezaoito (18) meses anteriores á data de publicación da convocatoria, bastará o compromiso de acadar, como mínimo, o 40 % de estabilidade laboral ao remate do prazo concedido para xustificar o investimento.