Dación de contas no Consello Económico e Social da cidade dos traballos de elaboración da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela
Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago e os co-directores executivos da Axenda Urbana de Santiago, María Cadaval e Santiago Lago, deron conta no Consello Económico Social da fase na que se atopa a elaboración da planificación estratéxica da cidade inserida na Axenda Urbana 2030.
Tras a diagnose da situación de partida, previamente realizada polo Concello de Santiago no ano 2021, María Cadaval e Santiago Lago deron conta no Consello Económico e Social dos traballos realizados a través dos Grupos de Impulso e Seguimento (GIS), das reunións mantidas con distintos axentes da cidade e tamén das achegas recibidas a través do plataforma online da web da Axenda Urbana 2030 que permite aglutinar e combinar as actuacións presenciais coa interacción online con toda a cidadanía e grupos de interese que están a participar no deseño e propostas para construír a Compostela do 2030.
Presentáronse as principais liña do documento que recolle as achegas feitas por todos os axentes participantes á Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e estableceuse un prazo para que as entidades do Consello Económico Social poidan tamén facer achegas ao documento borrador presentado.
Esta fase de participación é determinante para contribuir á socialización do deseño da Axenda 2030 a través dun proceso de acción constructivo coa implicación e compromiso de todas as partes, só deste xeito a Axenda Urbana de Santiago de Compostela terá garantida a súa lexitimación e implementación no desenvolvemento sostible e inclusivo do territorio.
Por iso, na reunión do Consello Económico e Social tamén se deu conta da campaña de comunicación e actividades de dinamización da participación da cidadanía que se levaron a cabo no mes de xuño. No espazo que a Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela tivo na Maker Faire Galicia, celebrada na Cidade da Cultura, participaron máis de 200 persoas, unha participación moi positiva, tanto por parte das crianzas como das persoas adultas.
A proposta Redeseñando Compostela converteuse "no lugar onde compartir as preocupacións da cidadanía, así como os seus principais desexos para o Santiago do futuro", indicou o alcalde. Para iso, a través dunhas nubes de ideas e da reinterpretación de edificios da cidade dun xeito creativo, as persoas participantes plasmaron como lles gustaría que fose o municipio no 2030. Ao tempo, ofreceuse a oportunidade de cumprimentar o formulario de participación en liña.
Estas actividades divulgativas continún neste mes de xullo dentro dos campamentos de verán municipais a través dunha actividade de economía circular onde as crianzas poderán deseñar unha microcidade con materiais de refugallo ou deseñar unha escola sostible; e de outras actividades nos principais centros socioculturais do municipio.
Participación cidadá, imprescindible
Desde a dirección executiva da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela inciden na importancia da participación. "Só deste xeito poderemos elaborar un documento estratéxico de consenso e que realmente resposte ás necesidades da cidadanía", conclúe. Para realizar unha achega, só hai que utilizar o formulario de participación en liña, aínda que tamén se poden remitir propostas a través do e-mail axendaurbana2030compostela@gmail.com.
Paralelamente, a poboación pode estar ao tanto das distintas propostas desenvolvidas a través dos diversos perfís da Axenda Urbana nas principais redes sociais (Facebook, Instagram, Twitter e LinkedIn). Unhas canles que tamén procuran a interacción coa cidadanía dun xeito máis directo.
ODS 11
A Axenda Urbana 2030 é un documento no que se establece o marco de referencia estratéxica de Santiago de Compostela para a vindeira década, a elaborar por e para a cidadanía. Esta iniciativa inclúese dentro do proxecto da Axenda Urbana Española. Este documento baséase, á súa vez, na Axenda Urbana das Nacións Unidas e quere converterse nunha panca para acelerar a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en todos os fitos que teñen compoñente territorial e urbano, particularmente no ODS 11, cidades sostibles, inclusivas, seguras e resilientes.
Este proxecto é posible grazas ao financiamento da Unión Europea a través dos Fondos Next Generation EU e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno estatal e da súa Axenda Urbana de España.