SUBVENCIONS PARA INVESTIMENTOS EN EQUIPAMENTOS POSCOVID
Axencia Turismo de Galicia
Resolución do 21 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para investimentos en equipamentos poscovid dos establecementos hostaleiros financiadas ao 100 % no marco do eixe REACTUE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU503E).
contribuír á modernización e á mellora da competitividade dos establecementos hostaleiros inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia mediante a realización de investimentos en equipamentos poscovid.
Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2022.
Considéranse gastos subvencionables aqueles nos que incorrese a entidade solicitante ata o 31 de outubro de 2022 con respecto aos conceptos seguintes:
• Sistemas domóticos, control de distancias, optimización de procesos, portas e consignas automáticas, controis de acceso, renovación de aire, sistemas de climatización e softwares de control asociados.
• Sistemas de check-in automáticos.
• Carteleira, rotulación, sinalización e actuacións vinculadas con ela.
• Equipamento, directo ou indirecto, que poida servir de apoio ou difusión no control da pandemia (medidores de CO2 , ionizadores, dispensadores, etc.).
• Reformas orientadas á creación de espazos que suxiran maior amplitude (cores claras, incorporación de espellos, etc.).
• Envoltorios e material dun só uso. O total de gastos destinados a este concepto non poderá superar o 10 % dos gastos totais subvencionables.
• Procesos de desinfección e desinfección recorrente realizados por empresas externas con motivo da COVID, que non teñan a consideración de gastos de limpeza ordinaria.
• Novo equipamento de hixienizado e lavado.
• Novo equipamento para novos produtos, presentacións ou métodos de conservación.
• Equipamento multiservizo.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da propiedade do inmoble ou calquera outro título que autorice a realización do investimento solicitado, no caso de investimentos materiais.
b) Memoria explicativa na que se defina de xeito pormenorizado o investimento e as actuacións que se van desenvolver.
c) Orzamento do investimento desagregado por partidas no que se especificará o importe da execución.
d) As tres ofertas de diferentes provedores consonte ao artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no seu caso.
e) Documentación acreditativa da representación suficiente para actuar en nome da empresa, no caso de que non coincida cos datos que figuran no REAT.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 (inclúe aos autónomos que cumpran a condición de pequena empresa), do sector da hostalaría que teñan o seu domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicita a axuda
Para os efectos destas axudas considéranse dentro do sector da hostalaría os hoteis, hostais, casas rurais, albergues turísticos e outros tipos de aloxamentos, ademais de restaurantes, bares e outros establecementos de restauración, recollidos nos capítulos IV e V da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia. Quedan expresamente excluídas as vivendas de uso turístico reguladas no Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, polo que se establece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia.
As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en adiante, REAT), en base aos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación, teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención. No caso de que o/a representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.
Para os efectos das axudas de minimis conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.
En todo caso, a entidade solicitante das axudas deberá acreditar que exerce actividade económica, para os efectos do previsto no parágrafo anterior.
Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.