• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Santiago acolle a presentación do Manifesto da Economía Social no ano da súa capitalidade

Data de escritura

O manifesto, que foi presentado pola ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, repasa os valores e principios que rexen este modelo económico, que busca xerar emprego estable e ancorado ao territorio. Durante o acto, o alcalde de Santiago salientou o lanzamento dunha liña de axudas directas por parte do Concello dirixidas a este secto e agradeceu novamente á ministra a declaración de Santiago como capital da Economía Social 2022. No acto tamén se distinguiu a dous dos máximos expoñentes da Economía Social galega: o pioneiro do cooperativismo José Montes e o presidente de CEGASAL, José Antonio Vázquez.

Foto de familia das autoridades co Manifesto da Economía Social
Intervención do alcalde de Santiago no acto

A sede da Fundación Laboral da Construción no Romaño, acolleu esta mañá a presentación do "Manifesto da Economía Social", coa participación do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; da vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz; do delegado do Gobierno en Galicia, José Manuel Miñones; e da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, entre outras autoridades.

Na súa intervención de apertura, Xosé Sánchez Bugallo salientou o moi "relevante peso da economía social en Santiago, que conta 96 cooperativas e 69 sociedades de inserción laboral, o que supón un 7% e 15% respectivamente do total de Galicia" e amosouse confiado de que a capitalidade que ostenta a cidade este ano "servirá para afrontar a saída á crise provocada pola pandemia".

Ademais, o alcalde anunciou o lanzamento este ano por primeira vez dunha "liña de axudas directas específicas para os sectores da economía social e a economía circular", áreas que serán claves para o futuro da cidade e para a plasmación da Axenda Urbana 2020-30 "na que se está a traballar conxuntamente co resto dos grupos políticos, con outros actores sociais e coa propia cidadanía". Trátase dunha "aposta de futuro do Concello polas iniciativas emprendedoras nas súas múltiples formas polo que achegan de competitividade, de calidade e de incorporación de novas tecnoloxías e procedementos", subliñou o rexedor.

Pola súa banda, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, explicou que este manifesto constitúe "unha obra colectiva, que ten ademais a singularidade de que cada un dos principios que definen a Economía Social foi redactado por organizacións representativas do sector, a partir da experiencia de diferentes empresas, demostrando que teoría e práctica poden e deben ir da man".

A ministra tamén lembrou que a Economía Social galega "xera o 7% do PIB da comunidade" e se atopa "máis forte e cohesionada que nunca e cun horizonte amplo". En Galicia, o sector está conformado por 7.300 entidades, entre elas cooperativas agroalimentarias, gandeiras, culturais, de vivenda, confrarías de pescadores, sociedades laborais, empresas de inserción laboral, centros especiais de emprego, mutualidades, asociacións e fundacións. Toda unha rede de entidades que conseguen axuntar innovación, eficiencia económica e responsabilidade social.