UNINOVA celebra hoxe o segundo CaféCon do proxecto SPIN_UP

Data de escritura

O Edificio Emprendia (Campus Vida) acolleu esta mañá o segundo CaféCon, unha xornada de networking dirixida ás iniciativas participantes e aos socios de SPIN_UP, proxecto de cooperación transnacional Galicia-Norte de Portugal que pretende fomentar o desenvolvemento empresarial e apoiar o emprendemento universitario neses territorios.

Uninova - CaféCon - Proxecto Spin_Up
Uninova - CaféCon 2 - Proxecto Spin_Up

UNINOVA celebrou esta mañá o segundo "CaféCon" do proxecto SPIN_UP, liderado por este ente municipal, no que tamén participan+ como socios, o IGAPE, a Cámara de Comercio de Santiago, a Asociación Área Empresarial do Tambre, a Universidade de Porto e ANJE.

O proxecto SPIN_UP é un proxecto de cooperación transnacional Galicia-Norte de Portugal entre entidades dedicadas a fomentar o desenvolvemento empresarial e apoiar o emprendemento universitario neses territorios, que está cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea. O seu obxectivo é o de estimular e favorecer a creación de empresas innovadoras a través da transferencia de tecnoloxía e coñecemento no Espazo de Cooperación, mediante o encontro entre as necesidades do tecido produtivo e a oferta dos axentes xeradores de coñecemento.

A apertura da xornada estivo a cargo de Carme Casado Casado, conselleira delegada de UNINOVA e responsable de Desenvolvemento Económico na Oficina de Promoción Económica dependente da Alcaldía do Concello de Santiago de Compostela. Durante a xornada, presentouse o "Catálogo de patentes e resultados de investigación" creado no marco deste proxecto, que recolle tecnoloxías transferibles da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. A presentación foi seguida da intervención do consultor Javier Varela sobre "Márketing Sostible, unha estratexia de futuro presente", no que abordou os cambios que se están producindo no mercado, así como a importancia de que as empresas e os profesionais empecen a expor estratexias de márketing máis sostibles, compatibles coa contorna e a sociedade.