AXUDAS PARA A PROMOCION DE VIDEOXOGOS
Axencia Galega das Industrias Culturais
Resolución do 21 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a promoción dos videoxogos, ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega
Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para a promoción dos videoxogos, ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega e proceder á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207K).
Finalidades:
a) Permitir o desenvolvemento, produción, edición, distribución e/ou comercialización de proxectos do sector do videoxogo.
b) Permitir xerar emprego, fomentando o desenvolvemento, a profesionalización e a vertebración do sector dos videoxogos, así como fomentar a presenza da muller na industria e impulsar a consecución da igualdade de xénero.
c) Determinar unha estratexia de comunicación e márketing para aumentar a visibilidade dos videoxogos que responden ás características das condicións e requisitos establecidos nestas bases.
d) Estimular a participación do sector privado e o mecenado cultural para o desenvolvemento de videoxogos.
Na solicitude (anexo II) a persoa solicitante ou representante terá que facer as seguintes declaracións responsables:
-Que a entidade solicitante posúe os dereitos de propiedade intelectual que lle permiten desenvolver correctamente o proxecto proposto nesta convocatoria, así como as autorizacións ou permisos necesarios para poder crealo e desenvolvelo, para o caso de que o proxecto en cuestión se basease nalgún tipo de dereito intelectual preexistente ou alleo á persoa solicitante.
-Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos, e acepta as condicións e obrigas recollidas para cada liña de axudas nesta convocatoria.
-Declaración responsable de que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
-Declaración responsable de que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
-Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
-Declaración responsable de que a persoa solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) núm. 651/2014 sobre empresas vinculadas.
-Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.
-Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.
-Declaración responsable de que conservará toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).
-Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.
-Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.
-Declaración responsable de ser peme. O organismo xestor realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas teñan a dita condición.
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as empresas e persoas traballadoras autónomas do sector dos videoxogos
Poderán optar a estas subvencións as empresas e persoas traballadoras autónomas do sector dos videoxogos que conten cunha oficina ou sucursal permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia, polo menos durante un ano previo a esta convocatoria.
Así mesmo, as persoas beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme), segundo a definición contida no Regulamento (UE) núm. 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE-L-2014-187/1), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.
As persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Posuír os dereitos de propiedade intelectual que permitan desenvolver correctamente o proxecto proposto nesta convocatoria, así como as autorizacións ou permisos necesarios para poder crealo e desenvolvelo, para o caso de que o proxecto en cuestión se basease nalgún tipo de dereito intelectual preexistente ou alleo á persoa solicitante.
b) Presentar unha única solicitude por empresa e para un único proxecto.
c) Desenvolver a súa actividade dentro da UE. No suposto de que o beneficiario a desenvolva fóra, perderá o dereito ao cobramento da axuda e deberán reintegrar as cantidades percibidas indebidamente.