Expertos ambientais marcan en Santiago os próximos desafíos das cidades para combater o cambio climático
As primeiras Xornadas de Innovación en Bosques Urbanos, celebradas o 19 e 20 de maio en Santiago, xuntaron a expertos de gran prestixio no eido ambiental e a multitude de profesionais interesados na materia. O alcalde Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, participaron na apertura institucional, na que destacaron o compromiso do Concello para que Santiago continúe á vangarda dos retos ambientais das cidades.
A Facultade Medicina da USC acolleu os pasados 19 e 20 de maio as I Xornadas, de Innovación en Bosques Urbanos, nas que se marcaron os retos das cidades do futuro para o benestar dos seus cidadáns e a sustentabilidade das comunidades que conforman.
As exposicións sobre os próximos retos ambientais das cidades, empregando os bosques urbanos como elemento vertebrador, congregaron a máis dun centenar de persoas no Salón de Actos da Facultade Medicina. Os bosques urbanos son o ecosistema máis próximo ao ser humano e achegan multitude de beneficios para a saúde das persoas. Ademais teñen unha especial relevancia nas cidades, e máis debido á pandemia da COVID-19 e ao cambio climático no que estamos inmersos e que nos últimos anos contribuíu á aparición de enfermidades, secas, inundacións, ondas de calor, virus descoñecidos….
Nestas xornadas, a través de relatorios de expertos de primeiro nivel, puxéronse de manifesto as vantaxes que presentan os bosques urbanos e formas de mellorar a resiliencia das nosas cidades ante os cambios que se aveciñan. Durante o evento tamén se abordou a Estratexia Nacional de Infraestrutura Verde e a posta a disposición dos Fondos Next Generation, como unha gran oportunidade para Santiago e a súa zona urbana.
Esta iniciativa, organizada polo Concello de Santiago e o CEXTEC, afondou na liña na que se leva traballando dende o Concello con múltiples actuacións de calado destinadas á valorización do patrimonio natural existente en Santiago.