V EDICION DOS PREMIOS DO PLAN DE EMPREGO LOCAL
Deputación de A Coruña
Mediante Resolución de Presidencia n.º 2022/23386, do 12 de maio, aprobáronse as bases reguladoras da V edición dos Premios do Plan de Emprego Local (PEL-EPR PREMIO)
A súa finalidade consiste en premiar as iniciativas e o traballo realizado polas empresas, clústers e asociacións empresariais, fomentando a súa imaxe positiva e realzando o seu papel fundamental como xeradores de riqueza e emprego, contribuíndo á súa sostibilidade e fomentando a cultura emprendedora na provincia.
Así mesmo, o presente premio tamén pretende aportar un valor engadido ás empresas mediante a súa concesión, facilitándolles soporte e respaldo para transformar ideas actuais en emprego de calidade e contribuíndo a dinamizar novos proxectos.
Establécense tres categorías de premio, polo que cada participante poderá presentar a súa candidatura a unha das categorías que se regulan a continuación:
1.ª CATEGORÍA: premio á mellor iniciativa empresarial nova, para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade empresarial nas anualidades 2021 ou 2022, sempre con anterioridade á publicación da convocatoria no BOP
2.ª CATEGORÍA: premio á mellor iniciativa empresarial consolidada, para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que comezasen a súa actividade empresarial durante a anualidade 2017 ou con anterioridade e a mantiveran ininterrompidamente desde a súa alta
3.ª CATEGORÍA: premio á mellor asociación empresarial, para asociacións, clústers, agrupacións e federacións de empresarios e empresarias da provincia da Coruña.
Para a participación na convocatoria en calquera das tres categorías, deberase presentar a seguinte documentación obrigatoria:
Pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as:
-Anexo de memoria de candidatura (máx. 7 páxinas).
-Certificado de situación censual actualizado expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria
-- No caso de microempresas, pequenas e medianas empresas e asociacións empresariais, a escritura de constitución da entidade e as súas modificacións ou variacións posteriores no caso de que as houbera, ou calquera outro documento análogo no que figuren os estatutos, estipulacións ou contratos privados, así como a súa inscrición no rexistro público correspondente.
-– No caso de empresarios/as individuais, informe da vida laboral actualizado expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social onde figure a data de alta no RETA ou mutualidade correspondente
Asociacións empresariais e clústers
-Anexo de memoria de candidatura (máx. 7 páxinas)
-Estatutos da asociación e as súas modificacións ou variacións posteriores, no caso de que as houbera
O anexo de memoria da candidatura estará dispoñible para a súa descarga na plataforma SUBTeL, estruturarase seguindo os criterios de valoración regulados na base 9 e non excederá de sete páxinas. No caso de que a memoria presentada exceda esta extensión non se valorarán as páxinas que nela figuren a partir da oitava, esta incluída. Exclúense do cómputo as páxinas que complementen a memoria, como os índices, as portadas e os anexos.
O Premio vai dirixido a pequenas, medianas empresas, microempresas, autónomos/as e asociacións e clústers empresariais que cumpran os requisitos que se especifican a continuación
Requisitos que deben cumprir as pequenas, medianas empresas, microempresas e autónomos/as:
– Ter o domicilio fiscal e social nun concello da provincia da Coruña.
– Ter exercicio económico continuado na actividade empresarial durante o período de tempo establecido na categoría á cal se presenta a candidatura.
– Atoparse ao corrente no cumprimento das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Tesourería Xeral da Seguridade Social e coa Deputación da Coruña.
– Non ter concedidas ou solicitadas axudas por importe superior ao límite establecido polo réxime de minimis, para o sector profesional no que desenvolve a actividade económica a entidade, nesta anualidade e nas dúas anteriores.
– No caso de persoas físicas, estar dadas de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, ou como mutualista de colexio profesional con data anterior á data de publicación da convocatoria e sempre tendo en conta o requisito de antigüidade especificado en cada categoría.
– No caso de persoas xurídicas, estar inscritas no Rexistro Mercantil ou rexistro público correspondente con data anterior á data de publicación da convocatoria e sempre tendo en conta o requisito de antigüidade especificado en cada categoría.
Requisitos que deben cumprir as asociacións e clústers empresariais:
– Ter domicilio fiscal e social nun concello da provincia da Coruña.
– Estar legalmente constituído/a con anterioridade á data de publicación da convocatoria no BOP.
– Ter un número mínimo de 25 socios/as ou partícipes na data de publicación da convocatoria no BOP.
– Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Tesourería Xeral da Seguridade Social e coa Deputación da Coruña.