O Maker Faire Galicia 2022 presentará un programa híbrido na súa oitava edición, que terá lugar entre o 1 ao 5 de xuño
O alcalde de Santiago, Xosé S. Bugallo, acompañado por Marcos Saavedra, director da feira; Ana Sánchez, directora de APD Noroeste; e Ana Isabel Vázquez Reboredo, directora-xerente da Cidade da Cultura, presentou esta mañá no Pazo de Raxoi a 8ª edición da Maker Faire Galicia, o evento deste tipo máis grande da península, que tras dous anos en formato 100% en liña debido á pandemia, retoma con forza a presencialidade.
A Cidade de Cultura acollerá entre o 1 e o 5 de xuño este evento no que participarán arredor de 200 makers con máis de 60 proxectos, e terán lugar máis de 40 obradoiros, tanto en liña como en formato presencial. Esta edición achegará o que pode ser o mundo 5.0, que ten que ver sobre todo coa sustentabilidade do planeta e o benestar das persoas. Así, algunhas das temáticas deste ano serán o emprendemento consciente, a saúde mental, a economía social, as tecnoloxías accesibles ou a innovación social.
Durante a presentación, o alcalde Xosé Sánchez Bugallo salientou o "boom de eventos e congresos que está a experimentar a cidade nos últimos tempos" e amosouse confiado en que "continúe esta tendencia", tamén grazas á complementariedade entre "o novo formato virtual, que chegou durante a pandemia para quedarse, e a presencialidade que é onde se producen as relacións humanas máis intensas e se toman decisións". Ademais o rexedor recalcou "a aposta do Concello por un futuro para os máis novos que vaia máis alá do turismo, aínda que este sexa un eixo básico da nos economía".
Figuras recoñecidas
Ademais dos relatores principais, como a estadounidense Gitanjali Rao (primeira nena da historia portada da revista Time), Pepe Martín (CEO de Minimalism), Carlota Corzo (Fundadora de Lázzaro) ou o mexicano Paco Ayala (Fundador de Horto Roma Verde), xa se poden consultar na páxina en liña do evento todas as charlas e mesas redondas que levarán a cabo durante as cinco xornadas.
Seguindo a liña de edicións anteriores, onde acudiron o coñecido David Aguilar, coas súas próteses de lego, ou o Premio Princesa de Girona, Guillermo Martínez, co seu proxecto "Ayúdame3D", a organización deu un paso máis para potenciar a figura dos/as makers como axentes do cambio social. Así, levará a cabo o primeiro Hackathon de tecnoloxías de apoio en colaboración con ONCE, Aspace Coruña e Cogami, onde se xerarán proxectos en código aberto para resolver as necesidades das persoas diversas funcionalmente.
En canto ao resto de contidos, a organización apostou por potenciar máis que nunca a cultura maker, o que se traducirá en ter a maior oferta de talleres de todas as edicións e contar cos expositores máis interactivos.
Entre eles destacan os talleres relacionados coa cultura urbana como os de stencil art, mug paint, cap paint ou parkour, que estarán liderados por Vella Escola; os de ciencia e tecnoloxía, onde o equipo de VermisLAB levará a cabo os de Biotech, VR ou electrónica, os videoxogos coa xa habitual Game Maker Jam ou os relacionados coa inclusión, como o taller de masillas de prototipado ou de pulsadores adaptados.
Entrada gratuíta
O evento é totalmente gratuíto tanto en formato en liña, como nas xornadas de industria e educación en formato presencial, que se celebrarán as mañás dos días 2 e 3 de xuño respectivamente. As xornadas abertas dos días 4 e 5 de xuño, que se desenvolverán de 10 da mañá a 8 da tarde, terán un custo de 6 € en formato presencial, salvo para menores de 6 e maiores de 65 anos que serán gratuítas.
A 8ª edición da Maker Faire Galicia celebrarase no Museo Gaiás e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección ( APD). Realízase tamén coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Na páxina web makerfairegalicia. com, pódese atopar toda a información sobre este evento e como participar.