• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Concello recibe esta fin de semana unha comitiva de Braga para a sinatura do irmandamento entre as dúas cidades o vindeiro luns

Data de escritura

Este domingo 8 de maio darase inicio a unha serie de actos no marco da sinatura do Protocolo de Irmandamento entre as cidades de Santiago e de Braga que terá lugar o próximo luns no Pazo de Raxoi. O documento, que será asinado polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente da Câmara Municipal de Braga, Ricardo Río, pretende fortalecer as relacións económicas, turísticas e culturais entre as dúas cidades.

Praza do Municipio de Braga

O programa de actos arrancará o domingo ás 18:00 h, cando está previsto que membros das corporacións municipais de ambas vilas percorran o último tramo do Camiño de Santiago, partindo desde o Monte do Gozo. Tras a chegada á praza do Obradoiro, os invitados asistirán á misa do peregrino das 19:30 na Catedral compostelá.

Será o vindeiro luns 9 de maio, cando o alcalde de Santiago recibirá no Pazo de Raxoi a Ricardo Rio, presidente da Câmara Municipal de Braga, acompañado por unha comitiva formada por membros da Corporación municipal, Igrexa e Universidade da cidade portuguesa, así como un nutrido grupo de empresarios lusos.

O acto de recepción terá lugar no Salón Amarelo ás 10:30 onde está prevista a sinatura no Libro de Ouro da Cidade e un posterior intercambio de agasallos, en presenza dos voceiros dos grupos municipais. Xa ás 11:00 horas dará inicio o acto de Sinatura do Protocolo de irmandamento que será rubricado por parte de Xosé Sánchez Bugallo e de Ricardo Rio, que posteriormente farán unha intervención.

No marco desta visita tamén está prevista a celebración ás 12:00h dunha xuntanza entre representantes do sector empresarial de ambas cidades no comedor monumental do Hotel Monumento San Francisco.

Irmandamento Santiago-Braga
O Pleno da Corporación aprobou o pasado mes de novembro por unanimidade o inicio dos trámites para o irmandamento de Santiago coa cidade de Braga, dando así continuidade ao protocolo iniciado hai un tempo, cuxo obxectivo é o de "fortalecer as relacións entre as dúas cidades, concretamente nas áreas económica, turística e cultural, aproveitando os recursos que existen en ambos concellos".

A proposta de irmandamento incide no interese de Santiago de Compostela, como hub de innovación, por potenciar "áreas comúns entre os dous concellos nas ciencias da saúde, a biotecnoloxía e a nanotecnoloxía, como eixes de captación de investimento a nivel internacional". Tamén se alude á cooperación cultural, citando o interese de Braga por contar con Santiago na programación da Capitalidade da Cultura do Eixo Atlántico que asumirá en 2020. Finalmente, o documento aprobado refírese á cooperación turística, subliñando o gran número de turistas estranxeiros/as que, pasando por Braga, percorren o Camiño de Santiago.

Ademais, a proposta de irmandamento lembra que tanto Santiago de Compostela como Braga son "cidades históricas, referentes para toda a humanidade, cidades patrimoniais e universitarias, que teñen historias paralelas que configuran o seu senso no pasado e na actualidade".