AXUDAS A PERSOAS AUTONOMAS POLA CONTRATACION INDEFINIDA E A FORMACION DE PERSOAS ASALARIADAS
Consellería de Emprego e Igualdade
Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas.
Proceder á convocatoria, para o ano 2022, dos incentivos á contratación indefinida inicial e á formación de persoas desempregadas, realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
As solicitudes de subvención deberán presentarse no modelo que figura como anexo (anexo I), xunto coa documentación e no prazo establecidos.
a) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.
b) Relación nominal das persoas traballadoras polas que se solicita subvención, en que se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención (anexo II).
c) Documentación que acredite que se trata do primeiro, segundo ou terceiro posto de traballo de carácter indefinido (vida laboral da persoa autónoma como empresaria desde o inicio da actividade ata a data da contratación indefinida da persoa traballadora pola cal se solicita subvención, incluíndo todas as contas de cotización: informe de vida laboral dun código conta de cotización). De ser o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras indefinidas contratadas que causaron baixa por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, ou por resolución durante o período de proba.
d) De ser o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.
e) Documentación acreditativa do colectivo polo cal se opta (para os casos de exclusión social, discapacidade ou dependencia recoñecida fóra de Galicia).
f) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado
g) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.
h) Autorización para a comprobación de datos da persoa traballadora contratada (anexo III).
i) No caso de que as persoas polas que se solicita a subvención teñan a condición de trans e opten polo incremento do 25 %, documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun sexo diferente ao rexistrado ao nacer.
Persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido
1. Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais que realicen as persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con persoas traballadoras desempregadas para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houbese outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida nin se contratase con carácter indefinido, con anterioridade, outra persoa traballadora, agás que este contrato indefinido se extinguise por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, ou por resolución durante o período de proba.
3. Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial sempre que con anterioridade á formalización destes contratos non se realizasen dúas o máis contratacións indefinidas, agás que estes contratos indefinidos anteriores se extinguisen por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, ou por resolución durante o período de proba.
4. Para que poida ser obxecto de subvención, o contrato indefinido inicial deberá formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.