UNINOVA celebrou un novo Consello no que se presentou o proxecto da plataforma loxística de distribución de mercadorías no casco histórico
Está mañá celebrouse no Pazo de Raxoi un novo Consello de Administración da Uninova (Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras, S.L), da que o Concello de Santiago é socio maioritario cun 80% das accións. Durante a xuntanza, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, presentou ao Consello o proxecto de "Plataforma loxística de distribución de mercadorías no casco histórico de Compostela", do que se aprobou o tarifario proposto pola sociedade.
Segundo explicou o alcalde de Santiago tras a xuntanza, o Consello acordou "as condicións para que UNINOVA poida facerse cargo da xestión e da elaboración do proxecto da plataforma loxística de distribución de mercadorías destinado ao casco histórico". Deste xeito, o rexedor confirmou que "está previsto que Uninova se convirta nunha entidade colaboradora do Concello e asuma a posta en marcha da Oficina Técnica para este proxecto". En concreto, o Consello aprobou o tarifario que orzamenta este encargo do Concello co que a empresa se encargaría da xestión integral do proxecto, isto é, da dirección, coordinación, xestión, seguimento e control das actividades e dos fitos, así como os traballos preparatorios para a licitación do proxecto técnico e a obra do centro loxístico, o estudo de demanda, o anteproxecto, a análise de viabilidade e o modelo de xestión.
O rexedor tamén informou da aprobación da Declaración Institucional Antifraude de Uninova e o Plan de Prevención de Riscos e Medidas Antifraude de Uninova, "xa que se trata dunhas medidas que se deben adoptar para poder participar na xestión de fondos europeos"
Ademais, durante o Consello, tamén se formalizou un convenio coa Asesoría Xurídica do Concello de Santiago, o órgano de contratación de UNINOVA, abordáronse distintos contidos informativos sobre o día a día da sociedade, e debatiuse a composición da mesa de contratación do organismo, que será aprobada no seguinte Consello.
Uninova
Uninova foi constituída no ano 1998 e o seu obxecto social é o de fomentar, facilitar, promocionar e impulsar toda clase de actuacións xeradoras de ocupación e de actividade económica na área de Compostela para contribuir á consolidación no Concello de Santiago dun tecido económico xerador de emprego, riqueza e innovación. Desde maio de 2021, Uninova ten a condición de medio propio do Concello de Santiago