O Concello de Santiago e a Unión de Cooperativas EspazoCoop continúan o seu traballo en prol da economía social
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e Ana Olveira, presidenta da Unión de Cooperativas EspazoCoop, presentaron esta mañá en rolda de prensa o programa "Impulso dun ecosistema emprendedor na economía social" con actividades dirixidas a prescriptores de emprego e emprendedores do terceiro sector. Esta proposta forma parte do programa municipal Compostela Móvese 2022 do Concello de Santiago, cuxo obxectivo é o desenvolvemento económico local a través da fórmula cooperativa
O Concello de Santiago e a Unión de Cooperativas EspazoCoop veñen de presentar unha proposta de actividades para o que resta do ano 2022 que dá continuidade ao traballo de creación e impulso dun ecosistema emprendedor na economía social. Cun orzamento de 39.000€, esta iniciativa forma parte do programa municipal Compostela Móvese 2022 que pretende apoiar un modelo de desenvolvemento económico local endóxeno cooperativo acorde coa identidade e a historia do territorio.
Durante a rolda, Xosé Sánchez Bugallo destacou a importante contribución deste programa a "lograr a diversificación da base económica do Concello así como a dar visibilidade a fórmulas diferentes de emprendemento que permiten un gran protagonismo dos actores implicados". Así, "durante a pandemia, as cooperativas amosaron a súa capacidade de resistencia e resiliencia para adaptarse ás circunstancias máis adversas, mesmo máis que outro tipo de empresas, grazas ao alto nivel de implicación dos seus membros", engadiu o alcalde, que tamén recordou que Santiago será a capital da Economía Social durante este ano.
Pola súa parte, Ana Olveira, presidenta da Unión de Cooperativas EspazoCoop, destacou que a proposta presentada pon o foco este ano no traballo cos prescriptores/as de traballo, así como na visibilización das entidades de economía social. Esta oferta responde aos tres obxectivos do programa: crear e dinamizar unha rede de persoas interesadas en traballar na economía social que permita o traballo colaborativo; fomentar o emprendemento colectivo a través da fórmula cooperativa; e visibilizar e poñer en valor empresas cooperativas existentes na cidade, dando a coñecer a súa realidade e a súa oferta.
Para acadalos traballarase en dúas liñas de actuación complementarias, nas que se porán en marcha distintas actividades. Por unha banda, poranse en marcha unha serie de accións formativas dirixidas tanto ás persoas prescriptoras de emprego, como ás persoas interesadas en poñer en marcha proxectos de emprendemento colectivo, para formalos e darlles a coñecer a opción de crear cooperativa. Así, o programa oferta o obradoiro en formato telemático "Impulsando un sistema emprendedor no cooperativismo e a economía social", que se desenvolverá do 13 de maio ao 14 de xuño.
Tamén se ofrecerá un itinerario formativo composto por dous obradoiros en formato mixto, destinado a persoas interesadas en emprender en cooperativa: "A Cooperativa é para nós" que se desenvolverá do 13 ao 30 de xuño e "As persoas nas Cooperativas", do 4 ao 22 de xullo.
Por último, o 22 de setembro, terá lugar unha xornada de fomento do cooperativismo de consumo, dirixida a identificar procesos de organización colectiva do acceso a bens de consumo (vivenda, enerxía, alimentación, finanzas, etc.) e a identificar posibilidades de dinamizar e activar novos procesos.
Consolidación do sistema
Ademais levaranse a cabo unha serie de accións co fin de visibilizar o cooperativismo existente na cidade e reforzar as redes colaborativas entre as persoas e entidades que o conforman, trátase de dinamizar o traballo colaborativo e a posta en valor de servizos e recursos que xa existen. Para isto realizarase un roteiro cooperativo, que permitirá coñecer as cooperativas da cidade, que se desenvolverá en catro edicións, durante os meses de xullo e agosto, cunha duración de tres horas.
O 28 de xuño tamén está prevista a celebración da "Xornada Tecendo Redes", dirixida a persoas prescriptoras, que servirá como punto de encontro e de networking das persoas que seguen a formación antedita.
O proceso coas persoas e entidades prescriptoras de emprendemento e creación de empresas, complétase cun traballo de contacto personalizado para a dinamización de convenios de colaboración coa Unión de Cooperativas Espazocoop.
Todas as persoas e empresas interesadas poden inscribirse, consultar o programa completo de cada accións formativo e coñecer máis sobre estas accións no programa adxunto e contactando con Espazo Coop no teléfono 981 57 5578 ou correo electrónico info@espazo.coop.