Xa está aquí a 8ª edición da Maker Faire Galicia!!!
- Aberto o rexistro de asistentes para acceder aos contidos en liña e é totalmente gratuíto.
Este ano a Maker Faire Galicia dá a benvida ao mundo híbrido do 1 ao 5 de xuño, tanto no Museo Gaiás da Cidade da Cultura como na nosa plataforma en liña, nunha edición onde queremos celebrar o reencontro de toda a Comunidade Maker.
Tras o peche do Call for Makers o pasado xoves 31 de marzo, podémosvos adiantar que para esta edición teremos máis de 60 proxectos de diferentes partes do mundo, moi diversos e cun nivel altísimo.
Como xa é tradición, levaremos a cabo os pitchs de proxectos tanto nas xornadas da industria como nas educativas, onde xurados especializados valorarán todos os proxectos seleccionados elixindo aos máis destacados. Nas xornadas abertas será o público o que elixa os seus proxectos favoritos, os cales se anunciarán ao final do evento, o domingo 5 de xuño.
Xunto aos proxectos, os relatorios serán outro dos pratos fortes do evento e este ano teremos referentes tanto nacionais como internacionais nos ámbitos das startups, a educación STEAM, a saúde mental, a sustentabilidade, a inclusión ou a innovación social.
Pepe Martín, CEO de Minimalism, Gitanjali Rao, TED Talker e a primeira nena do ano da revista Time ou Paco Ayala, fundador do proxecto Horto Roma Verde, son algúns dos relatores que compartirán coñecemento connosco.
Entre a oferta de talleres desta edición destaca unha nova edición da Game Maker JAM, os talleres STEAM a cargo de VermisLAB e o proxecto Code Week, así como algunha que outra sorpresa que desvelaremos en breve. Nas próximas semanas lanzaremos a oferta de talleres para que poidades apuntarvos con tempo e non quedarvos sen praza.
A 8ª edición da Maker Faire Galicia celebrarase no Museo Gaiás e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Realízase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía ( FECYT) - Ministerio de Ciencia e Innovación.
Lembrade que o rexistro de asistentes para acceder aos contidos en liña xa está aberto e é totalmente gratuíto.