• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Os estudos do Proxecto BODAH confirman que non existe masificación do turismo en Santiago

Data de escritura

As conclusións do informe encargado por Turismo de Santiago no marco do proxecto Big and Open Data for Atlantic Heritage descarta problemas cos fluxos turísticos na zona monumental. Hoxe tamén se fixo público o vídeo de presentación de Santiago de Compostela como un dos destinos líderes do BODAH.

SIndo Guinarte e Flavia Ramil presentaron as conclusións do estudo

O primeiro dos estudos realizado para Turismo de Santiago, como líder do proxecto BODAH, tiña como fin, salientou Flavia Ramil, "medir e entender mellor o comportamento tanto dos visitantes como dos residentes das cidades patrimoniais do Espazo Atlántico para facilitar a súa xestión e lograr un turismo sostible".

O ámbito do estudo se circunscribe ao casco histórico, que recibe a maior parte do turismo da capital galega. Dentro do ámbito da zona monumental, identificáronse como "puntos críticos" determinados espazos urbanos, que en Santiago foron os seguintes: Praza do Obradoiro, Praza da Quintana, Praza de Galicia, Porta do Camiño e Praza da Algalia de Abaixo.

Así, grazas a este informe respóstase a cinco cuestións fundamentais: que lugares son os máis visitados, cantas persoas reciben, como afecta ese tránsito ao lugar en cuestión, que percepción ten o turista e o residente e que efectos sociais e económicos xeran na cidade.

Marcouse o cálculo por metro cadrado nos puntos críticos de seguimento en 0.92 m2/persoa. O conteo fíxose a través da toma de fotografías en intervalos de 15 minutos, e distribuídas por mostraxe en diferentes días da semana e horarios. As tomas de información programáronse en dous momentos distintos de afluencia turística, que permitise unha comparación temporal: entre o 16 e o 22 de agosto de 2021 e entre o 18 e o 24 de outubro do mesmo ano. Realizáronse un total de 120 medicións ad hoc dos tránsitos de persoas nos puntos críticos acordados e, salientou a Xerente de Turismo, "en ningunha das medicións realizadas se superou o valor crítico establecido de 0,92 m2/persoa". Así, a medición máis elevada foi a rexistrada na Praza da Quintana, o 20 de agosto ás 12 horas, con valores máximos de 5,49 m2.de espazo para cada persoa. Nese momento, contabilizáronse 455 persoas nese punto.

Vídeo

Na rolda de prensa tamén se presentou o vídeo realizado para dar a coñecer a nosa cidade e no que a propia Xerente de Turismo de Santiago fai un percorrido polos puntos máis senlleiros da capital galega mentres explica os obxectivos principais do BODAH.

Próximos pasos

Unha vez que o sistema está definido e xa se estableceron as catro cidades nas que se está a intervenir, o consorcio que conforma o proxecto BODAH, no que xunto a Turismo de Santiago participan Fomento de San Sebastián, a Fundación Santa María la Real del Patrimonio Histórico, a Universidade Nova de Lisboa, Cork Institute of Technology, Glasgow Caledonian University e Bangor University, seguirá a traballar no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que faciliten unha mellor xestión do turismo e os fluxos de persoas en cidades patrimoniais do Espazo Atlántico.

O proxecto BODAH, liderado por Turismo de Santiago, desenvólvese dentro do programa Interreg Atlantic Area, cun orzamento total de 1.573.373 euros, dos que un 75% apórtaos o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Ademáis, está prevista a aprobación dunha ampliación de fondos.