• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A cidadanía compostelá poderá contribuír na elaboración da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela

Data de escritura

O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e os co-directores executivos do proxecto, María Cadaval e Santiago Lago, presentaron hoxe a segunda fase do proceso de elaboración da Axenda Urbana 2030, coa que se inicia un período propositivo aberto á participación popular. A través de seis Grupos de Impulso e Seguimento (GIS) e unha plataforma en liña, os cidadáns e cidadás poderán facer as súas achegas e colaborar así na creación deste documento estratéxico para o futuro da cidade.

O alcalde acompañado de María Cadaval e Santiago Lago

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, presentou esta mañá en rolda de prensa a seguinte fase do proceso de elaboración da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela tras a diagnose inicial. O acto tamén contou coa presenza dos co-directores do proxecto, María Cadaval, profesora de Economía Aplicada da USC e Santiago Lago, catedrático de Economía Aplicada da UVigo, que detallaron as accións que se levarán a cabo nos vindeiros meses.

Durante a presentación, Sánchez Bugallo salientou "a importancia de que a cidade se marque unha serie de obxectivos concretos, e que sexan compartidos por todas e todos", de ahí a importancia deste documento que "servirá de folla de ruta tanto para as institucións que están implicadas no proxecto a través do Consello Económico e Social, como dos propios cidadáns". O rexedor tamén reiterou "o compromiso do Concello coas liñas directrices que se marquen desde este documento estratéxico".

A Axenda Urbana 2030 é un documento no que se establece marco de referencia estratéxica de Santiago de Compostela para a vindeira década, a elaborar por e para a cidadanía. Esta iniciativa insírise na Axenda Urbana Española. Este documento baséase, á súa vez, na Axenda Urbana das Nacións Unidas e quere converterse nunha panca para acelerar a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en todos os fitos que teñen compoñente territorial e urbano, particularmente no ODS 11, cidades sostibles, inclusivas, seguras e resilientes.

Superada a diagnose da situación de partida, realizada previamente polo Concello de Santiago, o proxecto avanza no seu plan de acción. Para isto, e tal e como explicaron os co-directores executivos do proxecto, "ábrese unha fase propositiva na que se apela á colaboración de todos os axentes implicados neste proceso". Este período participativo desenvolverase a través dun total de seis Grupos de Impulso e Seguimento (GIS) que se centrarán noutras tantas temáticas. Estas son: Economía; Dimensión Cidadá; Mobilidade e Territorio; Cohesión Social; Educación, Patrimonio e Arte, e Sustentabilidade e Transición Verde. Ademais, "crearase unha plataforma en liña que permitirá aglutinar e combinar as actuacións presenciais coa interacción online con toda a cidadanía e grupos de interese que teñan a ben participar no deseño e propostas para construír a Compostela do 2030".

Tanto María Cadaval como Santiago Lago incidiron na importancia desta segunda fase, xa que resulta "determinante para contribuír á socialización do deseño da Axenda 2030 a través dun proceso de acción construtivo coa implicación e compromiso de tódalas partes. Só deste xeito a Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela terá garantida a súa lexitimación e implementación no desenvolvemento sostible e inclusivo do territorio", concluíron.

Plataforma para a participación cidadá

Na presentación tamén se deu a coñecer a web www.axendaurbana2030santiago.gal, na que xa se pode consultar detalles básicos sobre esta segunda fase e a previa de diagnose. Este espazo dixital ampliarase nas vindeiras semanas co fin de ofrecer máis información sobre o proceso de elaboración deste importante documento estratéxico.

Este proxecto é posible grazas ao financiamento da Unión Europea a través dos Fondos Next Generation EU e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno estatal e da súa Axenda Urbana de España.