• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Axencia Galega de Innovación amosa a súa satisfacción cos avances do proxecto Smartiago

Data de escritura

Hoxe reuniuse a terceira comisión de seguimento e coordinación do convenio entre a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Concello de Santiago de Compostela para o proxecto "Smartiago". Tanto o responsable do proxecto, Sindo Guinarte, como Patricia Argerey, directora de GAIN, coincidieron en sinalar os avances que se están dando nas tres liñas de actuación coas que conta o programa. Guinarte espera chegar a final de ano "co proxecto executado, máis alá de que despois algunhas das accións do programa teñan continuidade a través de living labs, e do despregue do propio Smartiago".

Sindo Guinarte, Patricia Argirey, Sánchez Bugallo e Sabela Pardo
Visita ao proxecto de iluminación intelixente
Os elementos de control de fluxo de vehículos
Reunión de seguimento e coordinación

Estas tres liñas de actuación son o sistema intelixente de recollida e tratamento de residuos (RSU), iluminación ornamental led biocida (Cromalux) e mobilidade (sistema de mobilidade Smart). Tres eixos cos que se vai definir a estratexia de mobilidade a cidade, así como racionalizar os servizos de loxística de última milla na zona monumental; definir un novo modelo descentralizado de recollida e tratamento de fracción orgánica; e aumentar o valor do patrimonio histórico combinando os principios do aforro enerxético e a conservación do patrimonio.

Sindo Guinarte explicou que o proxecto de mobilidade "está moi avanzado no seu despregue", con practicamente "todos os elementos materiais en funcionamento", que agora se van empezar a testar a través da plataforma tecnóloxica. Son os elementos, engadiu, relacionados co fluxo de vehículos ao casco histórico e co control de fluxos de persoas.

En canto ao proxecto de iluminación ornamental, "os datos son moi alentadores", sinalou. "Estamos comprobando que esta iluminación está ralentizando e incluso nalgún caso ten efectos biocidas sobre a microbiótica dos edificios, é dicir impide que medre a microbiota" sobre a pedra, "e incluso en algúns casos elimina a existente co que facilita moito a súa conservación".

No caso dos RSU (Residuos Sólidos Urbanos), Sindo Guinarte tamén destacou que se está desenvolvendo "segundo o previsto". "Vaise implementar xa a tecnoloxía desenvolvida nos contedores de materia orgánica, para comprobar o seu funcionamento e facilidade de detección de impropios, é dicir, elementos que non debe ir nese contedor".

Guinarte agradeceu a GAIN a súa implicación e apoio ao proxecto Smartiago que indicou, "estamos convencidos que vai ser un éxito".

Pola súa banda Patricia Argerey, indicou que "non podemos estar máis satisfeitos, porque a compra pública innovadora é a mellor ferramenta para dar resposta ás necesidades da cidadanía, prestando uns servizos públicos máis modernos e máis adecuados para a necesidades dos cidadáns e cidadás do futuro; e en segundo lugar no pode haber mellor ferramenta para compartir os riscos cos centros de investigación, as universidades e as PEMES, e as empresas en xeral que desenvolven produtos e solucións innovadoras que poden tamén achegalos ao mercado e posicionar mellor aos nosos axentes". Polo tanto, engadiu, "felicitámonos todos polo desenvolvemento destes proxectos de compra pública innovadora".

Na reunión de hoxe estiveron presentes os membros da comisión, entre eles Sindo Guinarte, Patricia Argerey, Marta Abal, concelleira de Economía, Facenda, e Modernización da Administración Local; e Sabela Pardo Rodríguez, directora da área de Programas de GAIN.

Proxecto Smartiago
Smartiago é unha estratexia deseñada para responder aos retos de innovación, implicando no proceso a numerosos axentes do Sistema de I+D+I local, rexional e nacional. Este reto fundaméntase en impulsar o desenvolvemento de proxecto singualres, como Cromalux, de innovación tecnolóxica para contribuir á mellora dos servizos públicos.

O Concello de Santiago lidera este proxecto, pioneiro a nivel estatal, de Compra Pública de Innovación (CPI), baseado na procura de solucións innovadoras, tecnolóxicas e sustentables que dean resposta ás necesidades de futuro da nosa cidade, Patrimonio da Humanidade da UNESCO.

O proxecto Smartiago quedou en primeiro lugar nos Premios Procura + Awards, na categoría de Compra Pública de Innovación do ano, onde supero ao proxecto BIM, presentado pola cidade de Praga. E o Concello de Santiago recibiu o premio Iniciativa da Administración, tamén por Smartiago, outorgado polo Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG).

Confinaciamento FEDER
O proxecto Smartiago desenvólvese grazas a un convenio de colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020. Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.