• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O alcalde de Santiago destaca a aposta do Concello pola investigación, durante a inauguración de "BioGalicia Summit"

Data de escritura

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou hoxe na inauguración de "BioGalicia Summit", o encontro internacional biotech que conta con firmas galegas de referencia da biotecnoloxía no ámbito da saúde e no sector agroalimentario. O rexedor destacou a aposta do Concello pola innovación, e amosou o desexo de que "esa capacidade de investigación se transforme en industria e emprego".

O Alcalde na apertura do evento

"BioGalicia Summit" desenvólvese dentro das actividades do proxecto BioIncubaTech, a Incubadora de Alta Tecnoloxía promovida pola USC, a Cámara de comercio de Santiago de Compostela e UNINOVA, e financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través da Fundación INCYDE das Cámaras de Comercio españolas. Ademais do alcalde de Santiago, no acto inaugural interviron o reitor da USC, Antonio López; o director xeral da Fundación Incyde, Javier Collado; a directora xeral da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; a presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), Carme Pampín; e o director da Área da Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luis Villaverde Acuña, que foi tamén o encargado de conducir este evento de carácter internacional que busca fomentar as relacións comerciais e o desenvolvemento de negocio, situando a BioIncubaTech e as súas empresas incubadas no marco do contexto biotecnolóxico internacional.

Ao longo destes meses, BioIncubaTech acolleu un total de 43 proxectos vinculados ao ámbito da saúde e da agroalimentación, desenvolvéronse máis de 90 actividades de apoio, moitas delas en aberto, que acadaron impacto en máis de 290 empresas do tecido empresarial galego. Nas súas actividades destaca o enfoque cara á mellora da comunicación e márketing, a procura de financiamento, o asesoramento no desenvolvemento de negocio e a internacionalización ou a protección industrial, entre outros.

Sánchez Bugallo explicou que nesa aposta pola investigación, estanse dando pasos importantes por parte do Concello de Santiago, "coa incorporación a múltiples proyectos", e coa adquisición do 31 por cento de accións de UNINOVA, co que o Concello tería o 80 por cento de accións e a USC o resto. E tamén, indicou, "co salto cualitativo" que representa o Biopolo, froito da colaboración entre o Concello de Santiago, a USC e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e a Xunta "contando con fondos europeos", sinalou o rexedor.

O pasado 25 de outubro asinouse a formalización da cesión da parcela para a construción e posta en funcionamento do Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas, o Biopolo. Cedida polo Concello de Santiago, conta con 10.233 metros cadrados de superficie e 3.000 metros cadrados de edificabilidade máxima; e destinarase ao futuro Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas.

Programa

Durante a xornada desenvolvéronse relatorios e mesas redondas onde participaron entidades que apostan pola dixitalización no campo e o laboratorio, así como compañías que abordaron as tendencias na aplicación da biotecnoloxía no ámbito agroalimentario. A cita, de carácter gratuíto e en aberto, recibiu tamén sociedades de capital risco que analizaron os medios e ferramentas máis eficaces para a captación de financiamento privado, para dar paso a Gabriela Díaz Figuls, do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno de España que, acompañada por Santiago Álvarez, en representación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Xunta de Galicia, deu a coñecer en detalle os fondos Next Generation aplicados ao ámbito das ciencias da saúde e a agroalimentación e o papel das pemes no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia impulsado polo Executivo central. No peche da xornada, analízanse as oportunidades de internacionalización do sector biotecnolóxico.

En paralelo ás actividades de BioGalicia Summit, celebrouse o BioInvestorsDay, punto de encontro privado que serviu para que as empresas biotecnolóxicas incubadas presentasen os seus proxectos a diversos e destacados axentes da comunidade investidora con interese en colaborar no desenvolvemento de proxectos empresariais de impacto.

Liderado dende a AVTE

BioIncubaTech, incubadora de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias, é un proxecto liderado pola área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, xunto coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e UNINOVA, e está cofinanciado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación. Neste sentido, BioIncubaTech é unha das iniciativas que está incluída dentro da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía que a Xunta de Galicia pon en marcha para o período 2021-2025.

Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional - FEDER dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020 PO Proxecto ‘Incubadoras de alta tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia da tecnoloxía ás micropemes Fundación INCYDE’ - Cofinanciado polo FEDER nun 80%.