• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Talentia Summit abre o prazo de inscrición para todas as actividades de formación e emprego

Data de escritura

A web de Talentia Summit comezou a inscrición en ofertas de emprego, videochamadas con empresas, cursos de formación, certificacións oficiais e webinars entre moitas outras actividades e xa rexistrou máis de 2.000 inscricións e actividades e 10.000 usuarios nas primeiras 24 horas dende a súa apertura. A programación completa do evento, que se celebrará do 15 ao 26 de novembro no edificio Fontán da Cidade da Cultura, foi presentada en rolda de prensa polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o técnico de emprego, Xavier Ferreiro.

Esta semana abriuse o prazo de inscrición para todas as actividades de Talentia Summit. A maior feira do talento e o emprego do Estado presenta unha oferta formativa meirande que nas anteriores edicións e con múltiples candidaturas para vacantes de emprego. A procedencia das solicitudes é maioritariamente de Galicia, como indicou o técnico de Emprego, Xavier Ferreiro (Santiago, 2113; A Coruña, 1448; Vigo, 1297), pero tamén "de Madrid, 2041, ou de Barcelona, 308".

A través da páxina web, a Feira Talentia ofrece a posibilidade para todo o público de inscribirse nas 15.000 prazas das seguintes actividades:

- Visitar os stands virtuais de empresas con ofertas de emprego activas e reserva de citas por videoconferencia a modo de entrevista.
- Aplicar as moitas ofertas de traballo abertas.
- 100 cursos online: actividades formativas para realizar de forma 100% virtual.
- 25 certificacións oficiais: Títulos de idiomas, competencias dixitais, Scrum Master deseño gráfico e curso avanzado de pilotaxe de drons.
- 38 cursos de formación en directo en aula virtual con titor, en categorías como 3D e realidade virtual, marketing, novas tecnoloxías, orientación e emprego
- Webinars: exposicións e charlas de empresas participantes na presente edición.
- Unidade de desenvolvemento profesional: atención, asesoría e seguemento de profesionais especialistas en diversas áreas.

Videochamadas directas entre candidatos e empresas en busca de talento na Feria de Talentia Summit ‘21
Nas primeiras horas da apertura da inscrición, xa hai centos de reservas para citas de videochamadas entre candidatos-as e empresas participantes. "Unha nova forma de adaptarse á nova normalidade e ofrecer unha vía máis próxima que achegue as compañías a futuros empregados e empregadas", sinalou Sánchez Bugallo.

O Foro Talentia 2021
O Foro Talentia 2021 celebrarase o 18 de novembro de 09.00h a 13.30h no auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Será unha xornada con formato presencial, onde a seguridade estará reforzada implementando todas as medidas de hixiene necesarias para garantir a súa correcta celebración.

O Foro Talentia 2021 contará coa presenza de Pilar Alegría, ministra de Educación e Formación Profesional do Goberno de España; de Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; e de Xosé Sánchez Bugallo, alcalde do Concello de Santiago de Compostela. Esta edición, a proposta de referentes de talento ofrece diversidade de temáticas e contidos, así como figuras de diferentes áreas profesionais:

- Elena Gil: Global Director of Product and Business Operations - Telefónica IoT & Big Data
- David Meca: 28 veces Campeón del Mundo de Natación
- Nancy Villanueva: CEO Iberia & Middle East de Interbrand
- Carlos Ezquerro: CEO de Netex Learning
- Clara Jiménez Piñar: Directora de Innovación Accenture, Spain Innovation Lead
- Pau Gacía Milá: Emprendedor de éxito - Innovator of the Year by MIT's TR-35
- Emilio Froján: CEO & Co-founder de Velca

Tampouco faltarán as artes escénicas e o talento artístico para dar unha nota musical da man do pianista Javier López Jorge, María Victoria Jericó como vocalista e Millán Abeledo Malheiro ao violonchelo.

Xa se poden reservar as entradas presenciais para o Foro Talentia 2021, que tamén se poderá seguir por streaming a través da páxina web www.talentiasummit.com. En menos de 24 horas, xa está cuberta máis da metade da capacidade do auditorio do Edificio Fontán para poder acudir presencialmente ao evento.

Bonos Corazón e Carballo de Conxo
Na rolda o alcalde tamén se referiu á marcha da campaña dos Bonos Corazón Compostela. Indicou que na última semana se descargaron 3.700, o que fai un total de 7.382. Sánchez Bugallo amosouse satisfeito polo pulo que está recibindo a iniciativa e invitou novamente aos comerciantes a seguir promocionando o programa, que prevé descontos de ata 90 euros.

Tamén solicitou novamente o apoio para o Carballo de Conxo na súa pugna por converterse na Árbore Europea de 2022. "É un emblema non só de Santiago", indicou, "senón de toda Galicia e entramos na semana decisiva".