O claustro do Pazo de Fonseca acolleu a III Feira de Emprendedoras adicada ás universitarias
O Concello de Santiago e a Universidade de Santiago (USC) organizan de novo a Feira de Emprendedoras de Compostela, unha feira que quere visibilizar as mulleres emprendedoras que están creando tecido empresarial innovador, con valor engadido, na comarca de Compostela. Este ano estivo dirixida ás universitarias da USC aínda que a feira estaba aberta a toda a cidadanía. A feira foi inaugurada polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o reitor da USC, Antonio López e clausurada pola concelleira de igualdade, Mercedes Rosón e a viceirreitora de igualdade Mar Lorenzo.
Os días 29 e 30 de outubro celébrouse a Feira expositiva coa presentación de empresas dirixidas por emprendedoras da comarca de Compostela. Estivo aberta ao público no Claustro de Fonseca co fin de visibilizar os produtos e servizos creados por entidades innovadoras e que achegan un valor engadido no Concello de Santiago.
Esta III Feira de outono de Compostela é un encontro entre universitarias xurdidas da USC, referentes como creadoras e sustentadoras dun tecido empresarial feminista, con valor engadido e RSE na área de Compostela, con alumnas que estudan diferentes disciplinas na USC, ou que estudaron e xa acabaron, e contemplan o emprendemento como unha saída laboral. Un encontro para crear un diálogo directo entre referentes de liderados feministas, con proxectos innovadores e emerxentes, ou futuras emprendedoras universitarias.
Ademais da Feira expositiva tamén se celebraron mesas redondas nas que se trataron temáticas como a orientación laboral e a empregabilidade con valor engadido, Compostela como territorio referente na biotecnoloxía, emprendemento na USC nas diferentes disciplinas, emprendemento colaborativo e economía feminista, entre outras.
Este evento contou previamente cunha parte de formación que se celebrou no Salón Nobre do Pazo de Fonseca os días 25, 26 e 27 de outubro, de 12:00 – 14:00 h. As universitarias recibiron ao longo destes días unha formación teórica sobre emprendemento con perspectiva de xénero, fixeron unha análise sobre o espírito emprendedor nas mulleres, elaboraron un Canvas feminista e trataron a importancia de aplicar a innovación e a creatividade ao tecido empresarial, entre outras temáticas.
O día 28 de outubro fixeron un percorrido por empresas da comarca de Compostela, con liderados femininos, e que son un modelo de negocio referente para a actual crise sanitaria, social e empresarial que estamos vivindo. Estas visitas teñen o propósito de que as universitarias coñezan de cerca a aplicación da formación teórica recibida e o funcionamento da mesma en empresas reais con RSE.
Todo o evento quedará a disposición do público interesado online a través da canle de Youtube de Woman Emprende.