Programa Impulso dun ecosistema emprendedor na economía social
A Oficina de Promoción Económica lanza este programa de impulso da economía social en colaboración don Espazo Coop que se desenvolverá nos meses de outubro e novembro de 2021 co obxectivo de impulsar un ecosistema emprendedor no cooperativismo e a economía social na contorna de Santiago de Compostela, dando a coñecer as especificidades, características e vantaxes do emprendemento cooperativo e a economía social para visibilizar e divulgar entre a poboación en xeral os modelos de empresas de Economía Social e o das cooperativas en particular como fórmula de creación de emprego estable e de calidade.
O Plan de traballo do programa contempla e aposta por dúas liñas:
1| Por unha banda unha acción de capacitación dirixida ás persoas prescritoras de emprego, como axentes de difusión e creación de empresas entre as persoas usuarias dos seus servizos. Nesta liña prógramase a acción “Impulsando un ecosistema emprendedor no cooperativismo e a economía social” cunha duración de 40 h e dirixido á axentes e técnicas de emprego, desenvolvemento local e promoción económica; persoal de asesorías, xestorías e consultorías; persoal técnico de proxectos de emprendemento e outras profesionais e público vinculado co apoio, recomendación e prescrición de fórmulas empresariais. Impartirase na modalidade de teleformación do 4 ao 30 de outubro de 2021
2| Por outra banda, accións formativas dirixidas ás persoas interesadas en coñecer ou poñer en marcha proxectos de emprendemento cooperativo e de economía social para formalas e darlles a coñecer a opción de constituír unha cooperativa. As accións programadas, todas na modalidade de teleformación, son as seguintes:
- Habilidades para o traballo en cooperativa. Con 20 h de duración impartirase do 11 ao 24 de outubro 2021
- Emprendendo en cooperativa Con 20 h de duración impartirase do 27 de outubro ao 10 de novembro 2021.
- Desenvolvendo a idea cooperativa. Con 20 h de duración impartirase do 15 ao 29 de novembro 2021
As persoas e empresas interesadas poden inscribirse, consultar o programa completo de cada accións formativo e coñecer máis sobre estas accións aquí e contactando con Espazo Coop no teléfono 881 887 456 ou correo electrónico patane@espazo.coop.
Esta iniciativa que conta con un orzamento de 18.000 € forma parte do programa municipal Compostela Móvese 2021 aprobado en Xunta de Goberno de 14 de xuño de 2021 como parte do Plan de Reactivación Económica e Social PRESS do Concello de Santiago. O principal obxectivo do programa é apoiar un modelo de desenvolvemento económico local endóxeno cooperativo e asentado na identidade e na historia do territorio Para isto, búscase asentar os procesos de mellora empresarial e emprendemento nos valores diferenciais do tecido socioeconómico do concello