Temos un comercio de cine
Premios ao comercio compostelán 2013. Temos un comercio de cine!
Un ano máis, búscase premiar ao comercio de Compostela pola súa participación no sostemento económico da nosa cidade e o seu papel protagonista no eido do social e cultural. Compromiso, amabilidade, asesoramento, proximidade, innovación… son algunhas das moitas razóns que fan que poidamos afirmar que TEMOS UN COMERCIO DE CINE.
Os comercios poderán optar a unha ou varias das seguintes categorías:
Comercio de Barrio
Premiarase ao comercio que, por votación popular, destaque pola súa traxectoria nos barrios e por prestar ese valor engadido de confianza e trato familiar que caracteriza aos negocios de proximidade.
Aspectos a valorar:
- Compromiso e participación nas actividades sociais e veciñais
- Trato personalizado e “familiar” cos clientes
Comercio Agarimo
Premiarase ao comercio que, segundo as votacións dos propios clientes, destaque pola súa amabilidade, simpatía e servizo posvenda.
Aspectos a valorar:
- Excelencia na atención ao público
- Satisfacción do cliente
- Servizo posvenda
Comercio Innovación
Recoñecerase a incorporación das novas tecnoloxías e técnicas de marketing innovador tanto no funcionamento diario dos comercios coma na fidelización e relación cos clientes.
Aspectos a valorar polo xurado:
- Emprego de plataformas de comercio online
- Xestión administrativa do comercio mediante o uso da sinatura electrónica, factura electrónica…
- Utilización das redes sociais como canle de comercialización e comunicación co seu público
- Deseño interior e exterior do establecemento
- Innovación dos produtos ou servizos ofertados
Comercio Emprende
Valorarase o espírito emprendedor dentro do comercio local.
Aspectos a valorar polo xurado:
- Idade do promotor/a
- Tipo de negocio posto en funcionamento
- Capacidade de xeración de emprego
- Diferenciación e iniciativas de éxito
Comercio Veterano
Recoñecerase o labor deses pequenos comercios familiares que desenvolven hai anos a súa actividade en Compostela, demostrando a súa capacidade de permanencia e adaptación aos novos tempos.
Aspectos a valorar polo xurado:
- Antigüidade e traxectoria
- Explotación familiar do negocio sen producirse traspasos
Comercio Activo
Terase en conta aquelas iniciativas de asociacións ou grupos de comerciantes que destaquen por promover a dinamización do comercio local.
Aspectos a valorar polo xurado:
- Actuacións de apoio ao comercio levadas a cabo
- Nº de comercios agrupados
- Orixinalidade das iniciativas
Poderán presentarse aos “Premios ao Comercio Compostelán 2013” calquera dos establecementos comerciais polo miúdo de Compostela.
As candidaturas poderán ser presentadas polos propios comercios, polas asociacións de comerciantes ou polo Concello.
Para presentar candidatura é preciso cubrir o boletín de inscrición correspondente, dispoñible na páxina web www.santiagocomerciodecine.com. Todas as inscricións realizadas deste xeito confirmaranse por correo electrónico cun acuse de recibo. No caso de non recibir confirmación no prazo de 24 horas, contactar directamente coa organización no teléfono de información: 881168283
O boletín de inscrición tamén poderá entregarse, debidamente cuberto, en calquera dos rexistros municipais.
Nas categorías “Comercio de Barrio” e “Comercio Agarimo” o voto farase efectivo na mesma páxina web www.santiagocomerciodecine.com admitíndose un só voto por cada correo electrónico. Unha vez cuberto o formulario de votación poderá visualizar na pantalla unha mensaxe confirmando que o voto se emitiu correctamente.
Este programa levouse a cabo no periodo 2005-2017