Proxecto Crear VI
50 das 100 persoas que participaron no programa de inserción laboral Proxecto Crear VI accederon ao mercado laboral. Esta cifra representa o 50% do total.
O obxectivo do Proxecto Crear é que é que accedan ao mercado laboral persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción: mulleres, persoas desempregadas de longa duración, etc.
Para acadar esta finalidade, bríndanse ás/aos usuarias/os diversas actuacións que pretenden:
- Analizar os seus intereses persoas e profesionais fronte ao emprego
- Descubrir en que posto de traballo hai máis posibilidades de inserción.
- Identificar a formación que precisan para mellorar as súas posibilidades de éxito.
- Adquirir técnicas e recursos que os capaciten para unha busca de emprego axustada e autónoma.
- Coñecer as empresas de Santiago e a súa zona de influencia
- Intermediar diante de posibles empregadores ou oferentes.
- Desenvolver ou potenciar habilidades para manter o posto de traballo.
A metodoloxía empregada no Proxecto Crear basease en Itinerarios Personalizados de Inserción. Despois dun primeiro contacto, os titores do programa realizan titorías personalizadas, onde as/os usuarias/os van perfilando o seu Plan Persoal de Inserción. Trátase dun itinerario adaptado ás súas expectativas, capacidades, potencialidades, aptitudes, experiencia, formación e preferencias.
Nunha segunda etapa desenvólvense obradoiros formativos á carta, orientados a mellorar as habilidades e posibilidades de inserción. A través do Crear VI impartíronse 22 accións formativas, para dar resposta as demandas de capacitación e formación das persoas usuarias. Sumaron 395 horas lectivas. Nelas participaron 227 alumnos e alumnas (este número supera ao de participantes no programa, porque é normal que unha persoa se inscriba e curse máis dunha acción formativa). Os cursos impartidos foron: Mantemento básico de instalacións en edificios, Xardinería e Mapostería, Ofimática básica, Francés básico, Habilidades comunicativas en lingua galega, Informática avanzada, Educación víal para o emprego, Curso de mellora da motivación para a BAE, Xestión de proxectos, Inglés, Adestramento en procesos de selección de persoal, Técnicas e procedementos de limpeza, Mellora nos métodos e procedementos de limpeza, Xestión de almacén, Facturación dixital, Limpeza técnica para persoal cualificado, Curso de competencias clave, Prevención de riscos laborais (construción), Prevención de riscos laborais (outros sectores), Curso de atención ao público e á clientela, Mellora das competencias profesionais e Técnicas de busca activa de emprego. Nos cinco últimos cursos, nos que se formaron 147 persoas, tamén participaron usuarios/as do Servizo Local de Emprego (Bolsa de Emprego).
A terceira etapa do Crear é a de achegamento á empresa, con prácticas ocupacionais para as/os usuarias/os que carecen de experiencia, sensibilización do tecido empresarial e colaboración con axentes sociais. Tendo en conta os recursos destinados a emprego e a análise do mercado de traballo búscanse ofertas axeitadas aos perfís dos demandantes.
A cuarta e última fase é a de intermediación laboral, na que se xestionan directamente as ofertas de emprego. É dicir, búscanse no Boletín de ofertas de Emprego Máiscompostela, que publica gratuitamente dúas veces á semana (martes e xoves) a Concellaría de Promoción Económica, as vacantes ou postos ofertados máis axeitados ao perfíl das persoas participantes e envíase o seu curriculum á empresa ou entidade demandante. Aproximadamente un 90% das ofertas están testadas, é dicir, telefónase ao empresariado para informarse de que tipo de perfil require para o posto.
O Proxecto Crear VI conta cun orzamento de 168.235,29 euros, cofinanciados pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo. Nel participan 100 persoas, 60 homes e 40 mulleres. Ao proceso de selección, realizado na primeira semana de xullo, presentáronse 410 persoas.
Nome: Proxecto Crear VI
Datas: de xullo de 2009 a abril de 2010.
Persoas participantes: 100 (60 homes e 40 mulleres)
Persoas inseridas: 50 (30 homes e 20 mulleres)