• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Resolución do 22/06/2021 establecen bases para axudas proxectos I+D+i relacionados coa COVID19 favorezcan recuperación e transición dixital das pemes galegas,programa Conecta COVID

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación no marco do Programa Conecta COVID para proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en produto, que aborden a investigación relacionada coa COVID-19 para facer fronte á pandemia.

Neste proxecto poderá incluírse a investigación sobre vacinas, medicamentos e tratamentos, produtos sanitarios e equipos hospitalarios e médicos, desinfectantes e roupa e equipamentos de protección, así como as innovacións de procesos pertinentes con vistas a unha produción eficiente dos produtos necesarios.

Ademais de facer fronte á pandemia, os proxectos deberán contribuír á transición dixital das pemes galegas nos ámbitos estratéxicos dos hubs galegos de innovación: Dihigal e Datalife e estar orientados á recuperación da economía galega. Deste xeito, será preciso, a inclusión no desenvolvemento dos proxectos das tecnoloxías dixitais ás cales se orienta cada un dos hubs no marco da súa especialización.

 Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

– As empresas pequenas, medianas ou grandes, segundo as definicións contidas no artigo 2.

– As agrupacións de empresas e de empresas ou organismos de investigación, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, cando realicen proxectos de I+D+i en colaboración.

– Organismos de investigación e difusión de coñecementos cando participen en proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental, en colaboración efectiva con empresas, nos termos previstos no Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2014/C 198/01). A axuda recibida non pode destinarse ao financiamento de actividades de natureza económica.

Cando un destes organismos leve a cabo tamén actividades económicas, o financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades deberanse contabilizar por separado. Ademais, as empresas que poidan exercer unha influencia decisiva nas ditas entidades, por exemplo, en calidade de accionistas ou membros, non poderán gozar de acceso preferente aos resultados que xere.

2. As entidades beneficiarias, tanto empresas como organismos de investigación e difusión de coñecementos, deberán ter domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda e contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no Documento que establece as condicións da axuda (DECA), conforme o disposto no artigo 23.4 da presente resolución.

3. As entidades beneficiarias na liña 1 (IN852D) deben comprometerse a conceder licencias non exclusivas en condicións de mercado non discriminatorias a terceiros no Espazo Económico Europeo.

4. Non poderán acceder á condición de beneficiarias as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007. Ademais, tampouco poderán ser beneficiarios:

– Na liña 1 (IN852D), as empresas consideradas en crise antes do 31 de decembro de 2019, con excepción das microempresas e pequenas empresas, sempre que no estean incursas nun procedemento de concurso de acreedores na data na que se lles conceda á axuda e non teñan recibido axudas de salvamento nin de reestruturación.

– Na liña 2 (IN852E), aquelas empresas que, pola actividade que desenvolvan ou o sector a que pertenzan, se encontren entre as excepcións recollidas no artigo 1.1 do Regulamento (UE) 1407/2013, relativo ás axudas de minimis.

5. A Axencia Galega de Innovación poderá realizar as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias que así o declaren teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014, e que con data 31 de decembro de 2019, non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no punto 18 do artigo 2 do mesmo texto normativo para considerar unha empresa en crise.

6. No caso de agrupacións que presenten un proxecto en colaboración:

6.1. Cada agrupación debe estar constituída por un mínimo de dúas entidades non vinculadas entre si e un máximo de seis. En todo caso, o tamaño da agrupación será o necesario para garantir unha xestión eficaz desta. A participación de cada entidade deberá estar xustificada, ser relevante e equilibrada, e non poderá superar nunca unha mesma entidade (ou entidades vinculadas) o 65 % do orzamento subvencionable total do proxecto. Non se exixirá un orzamento mínimo por entidade da agrupación.

6.2. Se a agrupación non ten personalidade xurídica, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En todo caso, deberá nomearse un líder, que será o representante único da agrupación, único interlocutor coa Administración en todo o procedemento, e con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

6.3. As agrupacións rexeranse polo documento contractual que as regule. O funcionamento interno da agrupación responderá a criterios de autonomía de xestión, asumindo un dos socios, o líder, a dirección do proxecto e a representación da agrupación ante a Administración, o cal deberá constar expresamente no documento contractual que se realice para ese efecto.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá recoller, como mínimo, o seguinte:

a) Distribución das actividades e do orzamento total e o achegado por cada un dos membros da agrupación.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do seu representante ante a Administración para os efectos de interlocución con ela.

c) Acordos de confidencialidade.

d) Propiedade, protección legal (patentes) e divulgación dos resultados.

e) Xestión da agrupación, plan de continxencias e distribución de responsabilidades ante posibles dificultades.

f) Designación dun xefe técnico do proxecto. Esta figura será única para toda a agrupación.

Con todo, o orzamento e as actividades quedarán suxeitos ao establecido na resolución de concesión da axuda.

No caso de proxectos en colaboración efectiva entre organismos de investigación e empresas, é preciso que determinasen, antes de iniciar o proxecto, as contribucións aos seus custos, os riscos e resultados compartidos, a difusión dos resultados, acceso aos dereitos de propiedade intelectual e industrial (en diante, DPI) e normas para a súa asignación. Isto non inclúe os acordos definitivos sobre o valor de mercado dos DPI resultantes e o valor das contribucións ao proxecto.

6.4. Todas as entidades que forman parte da agrupación e que obteñan a axuda terán a condición de beneficiarias e deberán cumprir as súas obrigas como tales. Tanto na solicitude como na resolución de concesión deberán constar os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles. A concesión e o pagamento da axuda efectuaranse a cada unha das entidades participantes en proporción á parte dos gastos que lles corresponda realizar no proxecto.

6.5. A agrupación de empresas, ou de empresas e organismos de investigación, non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

6.6. Cando nun proxecto en colaboración interveñan empresas vinculadas, consonte a definición que destas empresas se realiza no artigo 2 desta resolución e no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, só poderán facelo como membros da agrupación. Se empresas vinculadas participan como entidades subcontratadas, como provedores, prestadores de servizos, ou dalgún outro xeito a súa actividade non será subvencionable.

Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.