Aberta a convocatoria do programa DeseñaPeme 2021
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, publicou a convocatoria do Programa DeseñaPeme 2021, o cal ofrece axudas para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade nas empresas galegas mediante a incorporación do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas-identidade corporativa.
Beneficiarios.-
As axudas deste programa poderán ser solicitadas por microempresas, pequenas e medianas empresas individuais, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicita a axuda.
Tipoloxía de proxectos.-
Nestas axudas diferéncianse tres ámbitos do deseño segundo o tipo de proxecto a poñer en marcha nas empresas beneficiarias:
- Deseño de produto: concepción e desenvolvemento de produtos novos ou, en caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial (12 meses de duración mínima do proxecto).
- Deseño de servizos e experiencias: concepción e desenvolvemento de servizos e experiencias novos ou, en caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial desde o punto de vista estético, funcional, técnico/produtivo e económico (12 meses de duración mínima do proxecto).
- Deseño de marca e identidade corporativa: formulación de proxectos de identidade corporativa e marca, con especial atención á representación de valores sostibles e innovadores (6 meses de duración mínima do proxecto).
Tipo de axuda e incentivo.-
Trátase dunha convocatoria en réxime de concorrencia competitiva con subvención a fondo perdido do 50% dos custos de implementación incluídos no “Proxecto de Deseño para a Innovación e Sustentabilidade” (axudas entre 5.000 € e 100.000 €).
A convocatoria dispón dun orzamento total de 1.500.000 €.
Custos subvencionables.-
Obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais.
Servizos de asesoramento en materia de innovación.
Activos materiais e inmateriais exclusivamente ligados ao proxecto ( p.ex. moldes, utillaje, prototipos, etc.).
Servizos de apoio en materia de deseño para a innovación.
Persoal propio e persoal de nova contratación.
Equipamento e material instrumental de nova adquisición e non adquirido con fondos ou axuda públicas.
Adquisición de licenzas de propiedade industrial.
Material, subministracións e produtos similares.
Presentación de solicitudes.-
As entidades interesadas en presentar solicitude a esta convocatoria deben facelo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, con prazo entre 03/07/2021 e 02/08/2021.