• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Extracto da R. do 19/03/2021 establecen bases concesión subvencións a establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada; obtención e/ou mantemento da marca Q de calidade Turística

 Obxecto e réxime

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Turismo de Galicia, para os procesos de certificación de normas UNE que conduzan á obtención ou ao seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE (código de procedemento administrativo TU970A).

As actuacións subvencionables con cargo a estas axudas poderán ser cofinanciadas a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), caso en que deberán cumprirse as obrigas específicas e demais disposicións que se establecen ao respecto nestas bases reguladoras.

DOG Nº 59 do 29/03/2021

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Bases reguladoras

Resolución do 19 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE, co obxecto da obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), que serán susceptibles de financiamento no marco do Eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código do procedemento TU970A).

Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións:

Categoría 1ª: os concellos e as súas entidades instrumentais que xestionen os servizos públicos de competencia local recollidas no artigo 85.2.A da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

Categoría 2ª: as persoas físicas ou xurídicas privadas titulares de establecementos ou servizos turísticos

As persoas solicitantes da categoría 2ª deberán reunir os requisitos establecidos nestas bases e ter inscrita a actividade turística para a que se solicita a axuda no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), de conformidade cos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.