Extracto da R. do 15 marzo 2021 aproban bases axudas Plan Foexga 2021-2022 e selección entidades colaboradoras para súa xestión
Obxecto
Aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape para o desenvolvemento e execución do Plan de fomento das exportación galegas (Plan Foexga), coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización das pemes galegas, así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión.
O obxectivo principal do Plan Foexga é conseguir a internacionalización real das pemes galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores. As actuacións que engloban o Plan Foexga están dirixidas a:
a) Aumentar a base de empresas exportadoras.
b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.
c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.
d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.
DOG Nº 58 do 26/03/2021
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index)
Bases reguladoras
Resolución do 15 de marzo de 2021 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento do Plan Foexga 2021-2022, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento IG422B), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IG422A), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.
Beneficiarias
As empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir de 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización, deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.
d) Os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
e) Que cumpran a normativa de axudas de minimis segundo o previsto no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), para as empresas do sector pesqueiro no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014) e para as empresas do sector agrícola no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).
f) Que estean ao día de pagamentos endebedados ás cámaras.
Importe
Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 06.A1.741A.7708 e por un importe de 600.000 € con cargo ao exercicio 2021 e por un importe de 1.400.000 € con cargo ao exercicio 2022.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará aos 5 días hábiles desde o día seguinte á publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará no prazo dun mes desde o día seguinte a esta data, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.