Convocatoria Conecta Hubs 2021: axudas a proxectos colaborativos de innovación dixital
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), publicou a convocatoria do programa CONECTA Hubs 2021 de axudas para proxectos colaborativos nas áreas estratéxicas dos Hubs de innovación dixital, que permitan avanzar na súa especialización e consolidación dentro do marco da RIS3 Galicia.
Os proxectos que se presenten deben estar orientados ao mercado e a xerar coñecemento, tecnoloxías e innovacións encamiñadas a mellorar os procesos de dixitalización e a crear produtos e servizos tecnoloxicamente avanzados e de maior valor engadido, que revertan nas pemes galegas e melloren a súa competitividade.
En total, a convocatoria destinará 6,8 millóns de euros ao financiamento de proxectos colaborativos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación. Nesta ocasión, o Programa Conecta Hubs 2021 puxo en marcha un modelo colaborativo baseado no papel dos Hubs (DATAlife e DIHGIGAL) como entidades colaboradoras do programa.
Beneficiarios da convocatoria.-
Poderán ser beneficiarios da convocatoria Conecta HUBS as agrupacións de empresas, xa sexan pequenas, medianas ou grandes.
Os proxectos deben levar a cabo sempre en cooperación entre pemes formando unha agrupación. A participación de cada empresa debe ser xustificada, pertinente e equilibrada, e non poderá superar o 65% do orzamento total elegible do proxecto.
Ademais, poderán incluírse nos proxectos grandes empresas cando teñan un efecto dinamizador no proxecto, pero sempre cunha participación limitada (só na liña 1).
Prazo de presentación de solicitudes.-
As entidades interesadas en presentar solicitude á convocatoria deben facelo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo para facelo é de 45 días hábiles a partir do día seguinte á publicación no DOG, que se produciu o 15 de febreiro de 2021.