• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Resolución do 18 marzo 2021 pola que se determinan as condicións de adhesión das empresas turísticas ao Programa Bono Turístico #Quedamosengalicia 2

O obxecto desta resolución é establecer o procedemento e as condicións que deben reunir os establecementos turísticos de aloxamento e as axencias de viaxes para a participar no programa Bono turístico 2021 #QuedamosenGalicia2 (código de procedemento TU985C).

DOG Nº 55 do 23/03/2021

Requisitos dos solicitantes.-

Poderán solicitar a súa adhesión aquelas empresas, empresarios ou agrupacións empresariais que dispoñan de aloxamentos, excepto as vivendas de uso turístico, e tamén as axencias de viaxe que, con independencia do lugar no que radique a súa sede social, desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia e presten os servizos, actividades ou produtos vinculados a este programa na Comunidade Autónoma de Galicia.

Todas estas empresas deberán estar dadas de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación desta convocatoria, ter coñecemento da sinatura que se lle proporcionou no momento da alta no nomeado Rexistro e dispor de TPV con número de comercio que os identifiquen no servizo de pagamentos, para a execución das correspondentes operacións de pagamento efectuadas coas ditas tarxetas.

 Duración da prestación.-

Os servizos, actividades ou produtos turísticos poden prestarse desde o día da entrega pola entidade colaboradora da tarxeta prepagamento aos beneficiarios e ata o 15 de decembro de 2021, no que este programa quedará extinguido.

Relacións coas persoas beneficiarias do programa.-

As persoas beneficiarias do Bono turístico 2021 #QuedamosenGalicia2 poderán consumir os servizos ofertados para este programa no establecemento adherido. No caso de que se faga reserva previa, esta pode ser realizada directamente no establecemento ou en calquera web de central de reservas que non implique prepagamento desta, sendo necesario que o pagamento se realice no propio establecemento.

As persoas beneficiarias poderán utilizar o saldo da súa tarxeta de forma total ou parcial, así como completar os pagamentos, de non ter saldo suficiente, con outras formas de pagamento admitidas polo establecemento turístico.

Prazo e forma de presentación das solicitudes e das declaracións responsables.-

1. O prazo de presentación das solicitudes de adhesión das empresas turísticas estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata a finalización do programa, o 15 de decembro de 2021.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).