Resolución do 24/02/2021 modifica a do 21/01/2021 aproban bases concesión subvencións desenvolvemento proxectos p.musical salas privadas habilitadas organizar espectáculos musicais...
O 1 de febreiro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 20 a Resolución do 21 de xaneiro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT302D).
A expansión da COVID-19 está a xerar unha crise sanitaria sen precedentes e que na terceira onda deu lugar a que se declarase o estado de alarma polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, para conter a propagación da infección SARS-CoV-22, sendo prorrogado ata o 9 de maio de 2021 polo Congreso dos Deputados. Durante a súa vixencia, a Comunidade Autónoma de Galicia aprobou o Decreto 8/2021, do 26 de xaneiro, polo que se adoptan as medidas no territorio da comunidade autónoma, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto no citado real decreto.
A situación da evolución epidemiolóxica xeral en Galicia exixiu unha intensificación das medidas de prevención para evitar a propagación e conter a enfermidade polo que se ditou a Orde do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica, pero que está a traer un detrimento do emprego, unha maior crise económica e un futuro incerto xerado pola pandemia o que está a ter un impacto nos proxectos culturais e nas súas programacións que se enfrontan a grandes dificultades tanto polos problemas de liquidez como pola interrupción da actividade económica.
DOG Nº 44 do 05/03/2021
Por estes motivos, a Axencia Galega das Industrias Culturais considera necesaria a modificación da convocatoria do ano 2021 das subvencións para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 2021.
Modificar a Resolución do 21 de xaneiro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT302D), da forma que segue:
Primeira. A base quinta que regulamenta os requisitos das persoas solicitantes, a alínea c) resulta redactada como segue:
«c) Estar dados de alta no imposto de actividades económicas correspondentes ás ditas actividades, cunha antigüidade mínima de seis meses».
Segunda. A base sexta que regulamenta créditos, contías e límites máximos, o punto 1 parágrafo segundo resulta redactado como segue:
O criterio de repartición farase por orde de entrada das solicitudes no rexistro electrónico da Xunta de Galicia sempre que reúnan os requisitos establecidos nestas bases para ser beneficiarios. Aos proxectos subvencionados concederáselles o 100 % do orzamento presentado co límite máximo de 20.000 euros».
Disposición derradeira
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.