• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Bases reguladoras axudas PEL 2021:(Liña 2.1 PEL- Emprende Investimento) ( Liña 2.7 PEL-Autónom@s)(Liña 3.1 PEL-Pemes Creación e ampliación) e ( Liña 3.2 PEL-Pemes Mantemento )

As presentes bases teñen por obxecto regular as axudas á consolidación e ao fortalecemento do tecido empresarial a través do apoio ao investimento en bens inventariables (Liña 2.1. PEL Emprende Investimento); axudas de apoio ao emprendemento a través do financiamento das cotas sociais de persoas autónomas (Liña 2.7 PEL Autónom@s); as axudas á contratación para a creación e ampliación do cadro de persoal de pequenas, medianas empresas e microempresas (Liña 3.1. PEL Pemes Creación e ampliación), as axudas ao mantemento do cadro de persoal de pequenas, medianas empresas e microempresas (Liña 3.2 PEL Pemes Mantemento).

BOP Nº 37 do 25/02/2021

DISPOSICIÓNS XERAIS E NORMAS COMÚNS

Estas axudas van dirixidas a pequenas, medianas empresas, microempresas e persoas autónomas promotoras de iniciativas empresariais que con anterioridade á data de publicación da convocatoria da axuda desenvolvan unha actividade con ánimo de lucro e reúnan os requisitos específicos para cada unha das liñas así como os indicados a continuación:

Requisitos comúns a todas as liñas:

Estar dado de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou como mutualista de colexio profesional no caso de persoas físicas e no Rexistro mercantil ou no rexistro público correspondente, no caso de persoas xurídicas.

Exclusións comúns a todas as liñas:

Non poderán ser solicitantes as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado, carentes de personalidade xurídica propia. Tampouco poderán ser solicitantes da axuda, as asociacións, autónomos colaboradores e as corporacións de dereito público (Confrarías...). Os/as socios/as ou accionistas dunha sociedade non poderán solicitar subvención a nivel individual se xa a presentaron como parte da sociedade.

As entidades interesadas en participar na convocatoria de axudas PEL deberán comunicar a súa vontade de adhesión á convocatoria e solicitar as liñas incluídas nestas bases, a través do apartado correspondente á convocatoria da plataforma telemática SUBTeL (na páxina web https://sede.dacoruna.gal/subtel/) mediante a sinatura dixital do seu representante legal cubrindo os campos da solicitude e presentando toda a información que se solicita, tanto na parte común como para a liña solicitada.

A presentación telemática producirá plenos efectos xurídicos, sempre que a solicitude sexa enviada dentro do prazo establecido.

Para presentar a solicitude de maneira telemática é imprescindible que o/a solicitante, no caso de persoas físicas, e o representante legal da entidade, cando se trate de persoas xurídicas, dispoñan de sinatura electrónica. En todo caso, teranse por non presentadas aquelas solicitudes rexistradas en formato papel e/ou as que habéndose rexistrado na plataforma, non presenten solicitude de ningunha axuda.

Prazo de presentación.-

O prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria das liñas de axuda PEL determinarase no anuncio de publicación da convocatoria do presente programa no Boletín Oficial da Provincia, a través do Sistema Nacional de Publicación de Subvencións.

PRAZO DE RESOLUCIÓN E NOTIFICACIÓN.-

O prazo máximo para resolver será de 6 meses a contar desde o día de publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, de acordo co artigo 25.4 da Lei Xeral de Subvencións.

A resolución notificarase aos interesados segundo o previsto no artigo 40 da Lei 39/2015 e publicarase no BOP e na páxina web do Plan de Emprego Local (https://emprego.dacoruna.gal/).