Bases reguladoras do programa de subvencións a empresas audiovisuais para apoiar a distribución ,comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia da Coruña 2021
Con esta convocatoria anual a Deputación da Coruña quere apoiar a distribución de contidos audiovisuais en lingua galega na provincia da Coruña, para axudar a garantir á cidadanía da nosa provincia a posibilidade de acceso a filmes, documentais e películas na lingua propia do noso país.
Contémplanse dúas modalidades no obxecto deste programa:
a. O apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc. feitas en Galicia) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe ao galego).
b. O apoio á distribución en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe ao galego) de contidos audiovisuais non galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc. feitas fóra de Galicia).
BOP Nº 31 do 17/02/2021
As actividades obxecto deste programa deben realizarse no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de marzo de 2022.
Para poderen optar á subvención, os produtos audiovisuais terán que cumprir, como mínimo, os requisitos seguintes:
· Seren actividades de distribución/estrea/comercialización de producións audiovisuais en VO Galega, VOSG (subtitulado ao galego) ou versión con dobraxe ao galego.
· Faceren toda a publicidade e promoción das actividades para as que se solicita a axuda en lingua galega, sempre que estas actividades se desenvolvan no marco do territorio galego.
Solicitantes.-
Poderán acceder a esta liña de axudas as persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras ou distribuidoras audiovisuais independentes, establecidas nun estado membro da Unión Europea, que acrediten que realizan as actividades obxecto deste programa.
Por empresa produtora entenderanse as persoas físicas ou xurídicas que estean legalmente constituídas. A empresa produtora debe posuír a titularidade de, como mínimo, o 20% da propiedade do negativo e dos dereitos de explotación da obra audiovisual, o que se deberá acreditar coa certificación do Instituto da Cinematografía e das Artes Visuais ( en adiante ICAA ) ou mediante unha auditoría de custes.
Por empresa distribuidora entenderase a persoa física ou xurídica inscrita no rexistro do ICAA como empresa distribuidora e titular dos dereitos de exhibición “theatrical”.
Prazo e presentación de solicitudes.-
O prazo de presentación de solicitudes determinarase no anuncio de publicación da convocatoria deste programa na Base Nacional de Subvencións, que se publicará no BOP.