Extracto da R. do 25/01/2021 bases reguladoras/convocatoria axudas proxectos colaborativos nas áreas estratéxicas dos hubs ( programa Conecta Hubs ) CódIgo procedemento IN852B
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación para o financiamento de proxectos colaborativos nas áreas estratéxicas dos hubs galegos de innovación dixital que permitan avanzar na súa especialización e consolidación dentro do marco da RIS3 Galicia (programa Conecta hubs).
DOG Nº 30 de 15/02/2021
Poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións de empresas, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, que realicen proxectos de I+D+i en colaboración. As agrupacións rexeranse polo documento contractual que as regule e un dos socios deberá exercer o papel de líder.
Os proxectos deberán estar enfocados ao mercado e orientados á xeración de coñecementos, tecnoloxías e innovacións destinados á mellora dos procesos de dixitalización e a creación de produtos e servizos tecnoloxicamente avanzados e de maior valor engadido que revertan nas pemes galegas e melloren a súa competitividade.
As empresas poderán ser pequenas, medianas ou grandes e deberán ter domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda. A participación de cada empresa deberá estar xustificada, ser relevante e equilibrada, e non poderá superar nunca unha mesma empresa (ou empresas vinculadas) o 65 % do orzamento subvencionable total do proxecto.
Cada proxecto deberá incluír, como mínimo, tres indicadores medibles que permitan recoller os avances obtidos, segundo a situación actual en Galicia, no obxectivo ou obxectivos específicos do programa Europa dixital a que se oriente o proxecto, sempre no marco da RIS3 Galicia. Estes indicadores deberán cuantificarse para poder determinar a evolución acadada polo desenvolvemento do proxecto.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
- O importe total da convocatoria é de 6.800.000 €
- O prazo de presentación de solicitudes por parte do líder da agrupación comenzará desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto 45 días hábiles.