A enerxía solar sen conexión a rede avanza a todo ritmo no mundo
Un novo informe publicado polo Programa Global de Iluminación do Banco Mundial ( World Bank Group’ s Lighting Global Program), en colaboración con Dalberg Advisors e a asociación solar Gogla, sinala que a industria solar global sen conexión a rede está en plena expansión.

O informe indica que o mercado destes dispositivos é cada vez máis dinámico. Estima que desde 2010 vendéronse 130 millóns de dispositivos solares sen conexión a rede en todo o mundo, que van desde pequenas lanternas portátiles ata sistemas domésticos de máis de 100 watts, capaces de alimentar televisores, ventiladores e outros aparellos. As vendas realizáronse en máis dun centenar de países e levaron por primeira vez iluminación e electricidade a parte dos 2.200 millóns de persoas que aínda carecen de conexión a rede ou de electricidade fiable no mundo.