O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou hoxe na apertura das xornadas de Industria de Maker Faire, adicadas ás temáticas da dixitalización, a biotecnoloxía e os videoxogos. O rexedor destacou que as crises "supoñen un espazo de oportunidade que debemos aproveitar". Agradeceu o papel de "todas as persoas que fan posibles estas xornadas" a animou a todos os participantes sinalando que "o futuro está aquí, e é noso".
Sánchez Bugallo foi o último intervir. Antes fixérono, por este orde, Marcos Saavedra, da organización Maker Faire Galicia; Ana Sánchez, directora da zona noroeste de APD; Fernando Guldrís, Director do IGAPE; e Ana Isabel Vázquez Reboredo, directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura.
Na súa intervención, o alcalde destacou que xa antes da crise había tres elementos clave para o desenvolvemento da economía, a dixitalización, a innovación e o emprendemento. As crises, indicou, ademais de ter un efecto igualitario, "supoñen unha enorme aceleración deses procesos de cambio. Non é algo novo. Simplemente o acelera. Polo tanto tanto, a dixitalización, a innovación e o emprendemento van seguir estando no centro da actividade".
No caso de Santiago, continuou, "a maior prioridade céntrase xustamente na biotecnoloxía e na formación, que é un elemento moi coincidente co que se está plantexando nestas xornadas", engadiu Sánchez Bugallo.
Xornadas de Industria
As xornadas de Industria celébranse hoxe e mañá. As temáticas sobre as que virarán son a dixitalización, a biotecnoloxía e os videoxogos. Aquí destacan os nomes de César de la Fuente, elixido polo MIT como un dos mozos máis innovadores do mundo, ou Keisha Howard, referente mundial na loita pola inclusión no mundo dos videoxogos.
Durante estas xornadas levarase a cabo a xa clásica competición de proxectos, onde os 10 máis innovadores de todos os presentados optarán a ser o mellor proxecto das xornadas de industria. Ademais disto, haberá numerosas mesas onde se debaterá sobre diversos temas como a liberación de patentes nas vacinas, os modelos de negocio baseados no opensource ou como os videoxogos poden utilizarse para adestrar o noso cerebro.
Xornadas de Educación
O 4 de xuño celebrarase a xornada educativa e o nome máis destacado é o de Valeria Corrales, unha minimaker de 12 anos de Huesca que se fixo famosa ao ser seleccionada para o talent show máis importante do mundo. Ademais de Valeria, esta xornada contará con catro mesas de debate moi interesantes e máis de 40 proxectos de centros educativos de todo o mundo, cos que se poderá compartir coñecemento en directo. De todos eles, os 15 máis destacados participarán nunha competición onde se elexirán aos mellores de cada categoría: primaria, secundaria e bacharelato ou FP.
O broche de ouro da xornada educativa poñerao o primeiro EDU Open Space, un espazo para debater ao redor da innovación educativa, e unha listaxe de talleres moi potente para aprender sobre intelixencia artificial, videoxogos ou robótica.
Xornadas abertas
Para pechar esta semana tan innovadora, os días 5 e 6 de xuño celebraranse as xornadas abertas a todos os públicos, onde o Do It Yourself, a música ou a arte únense coa tecnoloxía. Charlas como a da mexicana Trindade Gómez, falando do seu Fab Lab co que está empoderando a artesáns/as indíxenas, ou talleres como o dos arxentinos Alquimétricos son uns dos pratos fortes destes días. No apartado de proxectos destacan o xaponeses Robot band, unha banda de rock constituída por robots, os brasileiros Batebit, co seu kit musical ou os minimakers de VermisLAB cos seus proxectos para mellorar o mundo.
Se queres ter máis información sobre este evento e como participar non dubides en visitar a súa plataforma en liña, o rexistro de asistentes é totalmente gratuíto.
A 7ª edición da Maker Faire Galicia celebrarase nun Museo Gaiás virtual e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura, a Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) e Círculo Financiero de Galicia. Estas xornadas enmárcanse dentro do proxecto Capacita Directivos. Realízase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación.