ORDE do 30 de outubro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Santiago de Compostela, Ames e Teo.
O obxecto desta orde é establecer medidas de prevención específicas, nos concellos de Santiago de Compostela, Ames e Teo, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos ditos concellos.
As medidas contidas nesta orde son complementarias das previstas, en relación con estes concellos, no Decreto 178/2020, do 30 de outubro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas en determinados ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do estado de alarma declarado polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2, durante o período a que se estendan as ditas medidas.
Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 1 de novembro de 2020 e manterá a súa eficacia por un período de catorce días naturais.
Non obstante o anterior, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da comarca de Santiago. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser modificadas ou levantadas antes do transcurso do período de catorce días naturais previsto no parágrafo anterior por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.
No momento de comezo dos efectos da presente orde quedará sen efecto a Orde do 21 de outubro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca de Santiago.