Orde do 23 de outubro de 2020 pola que se determina o horario de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e actividades recreativas
Esta orde ten por obxecto a determinación do horario xeral de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.
Constitúe, así mesmo, obxecto desta orde establecer os criterios, os supostos e as circunstancias que permitan aos concellos autorizar, de xeito motivado, ampliacións ou reducións sobre o horario xeral.
DOG Nº 219 do 30/10/2020
Esta orde será de aplicación a todo tipo de espectáculos públicos e actividades recreativas incluídos no ámbito de aplicación da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, e aos establecementos e espazos abertos ao público en que se celebren, de conformidade coas tipoloxías establecidas no Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia.
Entenderase por horario de apertura o momento a partir do cal se permitirá o acceso ás persoas usuarias do establecemento aberto ao público ou ás persoas asistentes ao espectáculo público ou actividade recreativa.
A partir da hora de peche non se permitirá o acceso de ningunha persoa como usuaria ou asistente, respectivamente, ao establecemento ou ao espectáculo público ou actividade recreativa, e non se ofrecerá ou servirá consumición ningunha. Sen prexuízo das disposicións que ao respecto poidan ser adoptadas, consonte a normativa especial en materia de protección ambiental, deberán, de ser o caso, quedar fóra de funcionamento, a partir do devandito momento, a ambientación musical, as máquinas e demais aparellos de xogo, vídeo ou semellantes, os sinais luminosos, localizados no exterior do establecemento ou do espectáculo público ou actividade recreativa, e cesar as actuacións que se celebren, con independencia das tarefas propias de recollida e limpeza que desenvolva o persoal.
Será de aplicación ás instalacións eventuais, portátiles ou desmontables o mesmo réxime de horario que o fixado para as instalacións permanentes, en función do espectáculo público ou actividade recreativa que se estea a desenvolver.
En todo caso e para todos os establecementos regulados nesta orde, entre o seu peche e a apertura seguinte deberá transcorrer un período mínimo de 4 horas.
Cando coincidan o horario especial de peche e mais o tempo máximo de desaloxo xunto cunha ampliación de 2 horas autorizada polo concello e non sexa posible compatibilizar o peche e a apertura seguinte co disposto neste número, o establecemento en que concorran as devanditas circunstancias deberá, en todo caso, atrasar o horario xeral de apertura que lle corresponda durante o tempo necesario para que transcorra un período mínimo de 4 horas.
Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.