Condicións de adhesión das empresas turísticas ao programa Bono Turístico #QuedamosenGalicia
O Bono Turístico é una tarxeta de prepagamento que que se entregará ás persoas beneficiarias que voluntariamente o soliciten e se cargará dunha soa vez cun total de 250 €, e que terá unha vixencia comprendida entre a data de entrega da tarxeta prepago pola entidade bancaria colaboradora aos beneficiarios do programa e o 13 de decembro de 2020. Poderá ser empregado nos establecementos de aloxamento turístico e axencias de viaxes, así como nos seus servizos asociados, que se adhiran ao programa a través da presente convocatoria.
Poderán solicitar a súa adhesión aquelas empresas, empresarios ou agrupacións empresariais que dispoñan de aloxamentos, excepto as vivendas de uso turístico, e tamén as axencias de viaxe que, con independencia do lugar en que radique a súa sede social, desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia e presten os servizos, actividades ou produtos vinculados a este programa na Comunidade Autónoma de Galicia. Todas estas empresas deberán estar dadas de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación desta convocatoria e dispor de TPV con número de comercio que os identifiquen no servizo de pagamentos, para a execución das correspondentes operacións de pagamento efectuadas coas ditas tarxetas.
As persoas beneficiarias do Bono Turístico #QuedamosenGalicia poderán consumir os servizos ofertados para este programa mediante reserva ou directamente no establecemento adherido, suxeito á dispoñibilidade deste. As persoas beneficiarias poderán utilizar o saldo da súa tarxeta de forma total ou parcial, así como completar os pagamentos, de non ter saldo suficiente, con outras formas de pagamento admitidas polo establecemento turístico.