Novacións para refinanciamento de débedas co IGAPE
Se regulan as condicións, límites e procedementos para a tramitación das solicitudes de novación para refinanciamento de débedas co Igape.
Modalidades de operacións:
En función da situación da débeda que se vaia novar, as operacións revestirán as seguintes modalidades:
- Novación modificativa e, se for o caso, extintiva, de préstamos en vigor, para axustar o calendario de reintegro á capacidade de reembolso do titular. En todo o non modificado na novación mantense vixente o establecido no contrato inicial de préstamo.
- Novación extintiva de préstamos vencidos, ou das cotas ou cantidades impagadas de préstamos en vigor. Poderán formalizarse tanto cos titulares iniciais como cos garantes ou fiadores, ou cos titulares de bens que garantan a débeda. En todos os casos suporá a formalización dun nova operación.
Condicións xerais das operacións: 1. Prazo e amortización. 1.1. No caso de novacións modificativas de préstamos en vigor, poderá ampliarse a vixencia dos préstamos ata o máximo de 25 anos establecido no Decreto 133/2002 e poderán establecerse periodicidades de amortización e de liquidación de xuros diferentes ás establecidas inicialmente, así como incluír períodos de carencia intermedios e/ou adicionais. No caso de novacións extintivas, dentro do prazo máximo de 25 anos fixado no Decreto 133/2012, axustaranse os prazos e cadros de amortización á capacidade financeira e de reembolso dos titulares, de forma que se facilite o reintegro e a recuperación dos importes debidos ao erario público autonómico, conforme un plan económico financeiro que deberá achegar a solicitante. 1.2. A prestameira terá a facultade de proceder ao reembolso total ou parcial anticipado do préstamo mediante notificación dirixida ao Igape cun aviso previo mínimo de 15 días hábiles. 1.3. As novacións concedidas poderán incluír cláusulas de amortización anticipada obrigatoria en función de determinadas circunstancias que melloren a liquidez da prestameira, como a obtención de EBITDA en exercicios futuros superiores a determinados limiares ou o cobramento de axudas públicas, entre outros, así como de limitacións na repartición de dividendos da sociedade titular e na devolución de préstamos a socios ou a outras persoas vinculadas. A inclusión destas cláusulas e a súa cuantificación estará fundamentada no plan financeiro achegado pola solicitante. 2. Contías financiables. Poderá novarse o importe total das cantidades debidas, que poderá incluír os xuros e demais conceptos devindicados ata a data da formalización, momento en que quedará fixado o importe da operación e o cadro de amortización definitivo. 3. Garantías. As novacións que se aproben ao abeiro destas bases contarán con garantías adecuadas en función das características da operación. A cuantificación da garantía será realizada polo Igape mediante o procedemento descrito no anexo III das bases reguladoras. 4. Xuros. O tipo de xuro determinarase do xeito seguinte: a) Xuros ordinarios. As novacións que o Igape conceda ao amparo destas bases devindicarán un tipo de xuro que permita excluír a presenza de axuda de Estado, conforme o establecido na Comunicación da Comisión Europea de revisión do método de fixación de tipos de referencia e actualización 2008/ C 14/02 (DOCE do 19 de xaneiro). Para iso, o Igape percibirá xuros adaptados á cualificación do risco e das garantías tomadas. Naquelas solicitudes que cumpran as condicións necesarias, o Igape realizará un estudo da cualificación de risco da solicitante seguindo a metodoloxía descrita no anexo II das bases reguladoras, do cal resultará encadrada nunha das seguintes categorías: «excelente (AAA-A)», «boa (BBB)», «satisfactoria (BB)», «deficiente (B)», ou «mala/dificultades (CC)». Conforme os criterios descritos no anexo III, cualificaranse as garantías para constituír a favor do Igape en tres niveis de colateralización: «alta», «normal» e «baixa». O tipo de xuro ordinario será a suma do tipo base máis a marxe, que serán determinados conforme os seguintes métodos: 1º. Tipo base: determinarase con base na media do euríbor a 1 ano rexistrado en setembro, outubro e novembro do ano anterior ao da concesión. O tipo base fixado deste xeito entrará en vigor a partir de xaneiro do ano seguinte. Ademais, para ter en conta variacións significativas farase unha actualización cada vez que o tipo medio calculado sobre os tres meses seguintes anteriores se desvía en máis dun 10 % do tipo en vigor. O novo tipo base entrará en vigor o primeiro día do segundo mes seguinte aos meses utilizados para o cálculo. Este tipo de referencia publícao a Comisión Europea na ligazón seguinte: http://ec.europa.eu/competition/state_aid/legislation/reference_rates.html 2º. Marxe: determinarase, para cada operación, con base na súa cualificación do risco e das garantías achegadas, conforme a táboa que figura nas bases reguladoras. Para os prestameiros que non teñan un historial crediticio, ou cunha cualificación baseada unicamente nun enfoque de balance de situación, tales como determinadas empresas constituídas cun obxectivo específico, ou as empresas de nova creación, a marxe será polo menos de 4 puntos porcentuais. En caso de sociedades integradas en grupos, a marxe aplicable a unha empresa nunca podería ser inferior á que sería aplicable á empresa matriz. b) Xuros de mora. En caso de atraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude dos contratos de préstamo que se formalicen, a prestameira incorrerá de pleno dereito en mora sen necesidade de requirimento previo e estará obrigada a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis 6 puntos porcentuais anuais. Os devanditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento trimestral de xuros. Os xuros percibiranse por días naturais sobre a base dun ano de 360 días. 5. Os contratos mediante os cales se formalicen as novacións someteranse ao dereito privado, aínda que a débeda a favor do Igape por razón destas operacións terá a cualificación de crédito de dereito público.
Para presentar a solicitude, o interesado deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto de financiamento a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, dentro do prazo establecido na convocatoria.
Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, despois do cal a aplicación emitirá un identificador do documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.
Documentación que se deberá presentar coas solicitudes: 1. Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electronicamente que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente no enderezo da internet https://sedeelectronica.bde.es). 2. Detalle da situación de débedas con Facenda, Seguridade Social e Comunidade Autónoma, incluíndo expresamente relación de aprazamentos concedidos con indicación de calendario de pagamentos. 3. Plan económico financeiro, incluíndo contas de resultados, fluxos de efectivo e balances previsionais, describindo as hipóteses que sustentan as previsións. 4. Memoria xustificativa da solicitude, evolución das actividades, e do emprego, identificación das causas que motivan a incapacidade de cumprir cos calendarios pactados e feitos que sustentan a capacidade de reembolso futura. 5. Evolución do restante endebedamento da compañía desde a formalización do préstamo. Operacións financeiras concedidas e amortizacións pagadas a outras entidades. 6. Refinanciamento doutras débedas previsto: no caso de prever un plan de refinanciamento máis amplo, acreditación deste mediante escrito das entidades financeiras afectadas e/ou copia dos contratos. 7. Operacións de financiamento con socios, administradores ou partes vinculadas. Detalle dos saldos con socios, relación de préstamos recibidos ou concedidos, con copia dos contratos, se for o caso. 8. Plan de amortización da débeda proposto, comparativo coa amortización do restante endebedamento financeiro. 9. Nos casos en que o titular da operación sexa diferente do debedor da débeda que se vai novar (fiadores, avalistas ou titulares de bens que garantan as ditas débedas): a) Para sociedades mercantís: 1º. Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritas no rexistro competente e as súas modificacións posteriores, e poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se for o caso, no rexistro competente. 2º. Contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado. 3º. Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores. b) No caso de persoas físicas: 1º. Copia da declaración do imposto sobre o patrimonio. 2º. Declaración de bens e débedas persoais, especificando: • Bens inmobles, indicando valoración aproximada ou taxación, e cargas dos bens. • Bens mobles, indicando valoración. • Activos financeiros. • Débedas. • Avais prestados. 3º. No caso de exercer actividade económica: copias das declaracións do IVE (resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente).
Poderán ser titulares das operacións de novación reguladas nestas bases as persoas físicas e/ou xurídicas que cumpran algún dos seguintes requisitos:
- Que sexan titulares de débedas vivas co Igape con saldos vencidos e presenten dificultades de liquidez que non lles permiten afrontar as obrigas de pagamento co calendario actual do préstamo.
- Que sexan titulares de débedas co Igape derivadas da falta de pagamento de préstamos xa vencidos.
- Que sexan fiadores de préstamos do Igape con débedas vencidas.
- Que sexan titulares de bens que garantan débedas vencidas co Igape, derivadas da falta de pagamento de préstamos, e pretendan facer fronte ao reembolso das débedas para evitar a perda do ben.
1. O Igape concederá as operacións previstas nestas bases aos solicitantes que cumpran as condicións establecidas, salvo que se aprecie algún dos seguintes motivos de denegación:
- Falta de capacidade de reembolso da solicitante para a operación regulada nestas bases.
- Non se supera a puntuación mínima na cualificación do risco de crédito realizada polo Igape conforme a metodoloxía descrita no anexo II.
- Falta de coherencia do calendario proposto co plan financeiro da solicitante.
- Vontade inxustificada de subordinación do reembolso da débeda co Igape fronte ao pagamento a outros acredores ou outras aplicacións dos recursos financeiros dispoñibles.
- Falta de asunción de compromisos que poidan ser razoablemente exixibles, tales como o mantemento de actividades, emprego, etc.
- O menoscabo da solvencia da parte debedora ou avalista.
- Cando, da análise do risco e do plan económico financeiro presentado, non se infira a necesidade de novar a débeda.
2. As solicitudes serán resoltas por orde de entrada de solicitudes completas no Igape, ata a total utilización do orzamento de convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva.