II PREMIO AO PROXECTO INNOVADOR FORESTAL
Potenciar a capacidade innovadora do sector forestal en Galicia é o obxectivo fundamental do II Premio ao Proxecto Innovador Forestal, promovido pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, en colaboración co resto de entidades que conforman a mesa forestal impulsada pola institución cameral: o Igape, a Escola de Enxeñería Forestal, a Escola de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, o Clúster da Madeira e o Deseño, a Asociación Sectorial Forestal Galega e a compañía Ence.
O galardón, dotado con 5.000 euros, tamén busca animar aos futuros emprendedores que están formándose en escolas de enxeñería forestal ou en ciclos de formación profesional a que desenvolvan novos modelos de xestión, produtos ou servizos que sexan sustentables a medio e longo prazo desde unha óptica ecolóxica, sociolóxica e económica.