MAKER FAIRE GALICIA
A Maker Faire ten a súa orixe no 2006 na baía de San Francisco coma un proxecto dos editores da revista Make: magazine. Dende entón creceu ata converterse nunha rede mundial significativa de eventos producidos de forma independente.
No 2017 tivo lugar a terceira edición da Maker Faire Galica, converténdose na máis importante da península, tanto en número de makers como de asistentes, e situándose entre as cinco con máis visitantes de Europa, despois de grandes cidades como Roma ou París.
A cuarta edición da Maker Faire Galicia, a maior feira de inventores do mundo, terá lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela os días 23, 24 e 25 de novembro.
Pensada para tódolos públicos e disciplinas, a feira reúne nunha soa fin de semana ás creadoras e creadores máis innovadores tanto da Comunidade como de fóra, incluíndo este ano a presenza de expositores e relatores de referencia a nivel internacional, coma o xa anunciado Gael Langevin, creador do primeiro robot humanoide de código aberto, ao que agora se lle suma o anuncio do venezolano José Luís Cordeiro, enxeñeiro no Massachusetts Institute of Thechnology (MIT) e profesor da Singularity University, coñecido mundialmente polas súas ideas transhumanistas, nas que afirma que os avances na ciencia e na tecnoloxía serán capaces de deter o envellecemento e incluso a morte nun promedio de 30 anos vista.