A Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop e o Concello de Santiago de Compostela colaboran na posta en marcha do programa Impulso dun ecosistema emprendedor na economía social
Este programa, que foi presentado polo alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo e a responsable de Relacións institucionais da Unión de Cooperativas EspazoCoop, forma parte do Plan de Reactivación Económica e Social PRESS do Concello de Santiago.
A Oficina de Promoción Económica lanza este programa de impulso da economía social, en colaboración con Espazo Coop, que se desenvolverá nos meses de outubro e novembro de 2021 co obxectivo de impulsar un ecosistema emprendedor no cooperativismo e a economía social na contorna de Santiago de Compostela, dando a coñecer as especificidades, características e vantaxes do emprendemento cooperativo e a economía social para visibilizar e divulgar entre a poboación en xeral os modelos de empresas de Economía Social e o das cooperativas en particular como fórmula de creación de emprego estable e de calidade.
Xosé Sánchez Bugallo salientou a importancia das cooperativas na cidade como entidades que fomentan o "emprendemento e a innovación, claves da recuperación económica. Xa o eran antes e agora moitísimo máis".
O Plan de traballo do programa contempla e aposta por dúas liñas:
1| Por unha banda, unha acción de capacitación dirixida ás persoas prescritoras de emprego, como axentes de difusión e creación de empresas entre as persoas usuarias dos seus servizos. Nesta liña prógramase a acción "Impulsando un ecosistema emprendedor no cooperativismo e a economía social" cunha duración de 40 h e dirixido a axentes e técnicos de emprego, desenvolvemento local e promoción económica; persoal de asesorías, xestorías e consultorías; persoal técnico de proxectos de emprendemento e outros profesionais e público vinculado co apoio, recomendación e prescrición de fórmulas empresariais. Impartirase na modalidade de teleformación do 4 ao 30 de outubro de 2021.
2| Por outra banda, accións formativas dirixidas ás persoas interesadas en coñecer ou poñer en marcha proxectos de emprendemento cooperativo e de economía social para formalas e darlles a coñecer a opción de constituír unha cooperativa. As accións programadas, todas na modalidade de teleformación, son as seguintes:
• Habilidades para o traballo en cooperativa. Con 20 h de duración impartirase do 11 ao 24 de outubro 2021.
• Emprendendo en cooperativa. Con 20 h de duración impartirase do 27 de outubro ao 10 de novembro 2021.
• Desenvolvendo a idea cooperativa. Con 20 h de duración impartirase do 15 ao 29 de novembro 2021.
As persoas e empresas interesadas poden inscribirse, consultar o programa completo de cada accións formativa e coñecer máis sobre estas accións no programa adxunto e contactando con Espazo Coop no teléfono 881 887 456 ou correo electrónico patane@espazo.coop.
Esta iniciativa, que conta con un orzamento de 18.000 €, forma parte do programa municipal Compostela Móvese 2021 aprobado en Xunta de Goberno de 14 de xuño de 2021 como parte do Plan de Reactivación Económica e Social PRESS do Concello de Santiago. O principal obxectivo do programa é apoiar un modelo de desenvolvemento económico local endóxeno cooperativo e asentado na identidade e na historia do territorio Para isto, búscase asentar os procesos de mellora empresarial e emprendemento nos valores diferenciais do tecido socioeconómico do concello.
Documentos relacionados