STARTUP GALICIA

Webinars para loitar contra os efectos da COVID19

21/04/2020

Corren tempos complicados para as empresas do ecosistema emprendedor galego. A situación deriva do actual estado de alarma levou a moitas delas e ter que deter ou reducir drasticamente a súa actividade. Por esta razón, na primeira semana de confinamento, Startup Galicia fixo un chamamento a toda a comunidade co fin de recoller iniciativas de axuda ao ecosistema e axudar á súa difusión. As iniciativas recibidas están a ser recollidas na sección «Crise do Coronavirus e startups: precisas axuda ou queres axudar?» da web de Startup Galicia.

 

Nesta mesma liña, Startup Galicia está a organizar unha serie de encontros online. Estes encontros perseguen achegar axuda tamén a outras empresas de fóra do sistema startup que, porén, ven na dixitalización un xeito de paliar os efectos negativos do estado de alarma sobre a súa actividade. Para conseguilo, estes encontros abordarán o emprego de diversas tecnoloxías que poden servir de apoio á empresas de calquera sector de actividade que estean a pensar en achegarse ao mundo dixital.

A duración estimada dos encontros será de 30 minutos, a través da plataforma Google Meet cun tempo final para resolver todas as dúbidas que xurdan. A data e hora de cada encontro publicaranse nas redes sociais de Startup Galicia (twitter e LinkedIn)

Para este fin, Startup Galicia conta coa inestimable colaboración de Paz Cariñena (DooingIT), Víctor Fariña (Queres Tecnologías), Noa Orizales (Contidos Dixitais), Miguel Varela (Teimas Desenvolvemento) e Xoel Vázquez (Xoia software), profesionais do ecosistema emprendedor que explicarán ás persoas asistentes a estes encontros como incorporar a tecnoloxía aos seus negocios e as vantaxes de facelo, en base á súa experiencia profesional.

De seguido recóllese unha breve descrición dos temas a tratar por cada unha das persoas que intervirán nestes encontros. O primeiro en intervir será Miguel Varela, o vindeiro martes 28 de abril, de 18 a 19h. A inscrición (de balde) para os seguintes webinars abrirase en canto estea confirmada a data de celebración de cada un deles.

Miguel Varela: co-fundador e CEO de Teimas, tecnolóxica especializada en software na nube para o sector da economía circular, xestión de recursos e residuos e sustentabilidade. Cunha traxectoria de máis de 10 anos, Teimas é a responsable de produtos ampliamente utilizados no sector como Teixo, software empresarial para xestores e transportistas de residuos; Tropa Verde, plataforma que aplica técnicas de gaming para premiar á cidadanía recicladora; e ZERØ, ferramenta estratéxica para desenvolver políticas de economía circular e residuo cero en grandes corporacións. 

Partindo da súa experiencia profesional como socio-fundador de Teimas, abordará as correntes globais en relación á xestión de recursos e Economía Circular, o Pacto Verde europeo ou os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU.

Estado da convocatoria: En prazo de inscrición

Compartir:
COVID-19 comercio emprendedores empresas desenvolvemento autónomos mercados