A sexta edición do programa Argos premia un proxecto de avaliación do benestar animal e unha proposta de cultivo e transformación de Arnica

01/07/2019 A sexta edición do programa Argos ‘Creando equipos emprendedores da USC’ entregou este luns 1 de xullo aos seus premios aos dous mellores equipos desta convocatoria.

A convocatoria contemplaba dúas categorías de premios establecidas e dotadas con 3.000 euros cada unha: Argos Spin para proxectos baseados en resultados de investigación da USC, e Argos Enxeño para os xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago e Lugo e seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación. No primeiro caso, resultou premiado a proposta Bewell, un proxecto orixinario do Campus de Lugo de base tecnolóxica que ofrece un sistema de avaliación propia do benestar animal asociada a unha marca de garantía da USC e unha carteira de servizos de medición e asesoramento especializados. Estaría orientado ao sector agroindustrial e especificamente “á mellora do benestar animal dende o punto de vista do seu confort ambiental, estado sanitario e emocional, redundando nunha mellora da calidade dos produtos derivados que chegan ao consumidor final”. O seu equipo promotor confórmano Adán Castro-Gil Centelles, Roberto Besteiro Doval, Tamara Arango López e Juan Esparís Silva.

Na categoría Argos Enxeño, o premio recaeu en Arnigal Cultivos, proxecto que desenvolveu un proceso integral que permite o cultivo e primeira transformación da plan Arnica montana  e que promoven Arturo Rodríguez Blanco, José Rodríguez Couceiro, Raquel Fernández Cebrián, Rita María Pose Curros e Antía Sollos Bañobre. O produto resultante é un extracto de Arnica montana autóctona de Galicia de cultivo ecolóxico. No futuro, o equipo promotor agarda poder desenvolver novos produtos aproveitando as diversas aplicacións que presenta esta planta.

O director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José L. Villaverde Acuña,  presidiu o acto de entrega celebrado no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía Historia) coa presenza do concelleiro de Presidencia do concello de Santiago, Gumersindo Guinarte; a deputada da área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Sonsoles López Izquierdo; o director da Área de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo Rey; e a técnico da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Elena Polo Prieto.

Argos susténtase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo; a presenza dunha persoa con coñecementos de xestión empresariais; e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC que poderán ser a base do seu plan de empresa. O seu obxectivo é conformar equipos interdisciplinares aos que se lles facilitará acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente.



Compartir:
emprender; emprendedoras; innovación; transferencia; Universidade; USC;